A exposición “La flota pesquera del Golfo Ártabro Sur” recolle a riqueza cultural do noso patrimonio pesqueiro

Esta mostra itinerante que hoxe se inaugurou hoxe en Sada poderá verse nas casas da cultura de Oleiros e de Arteixo e, por último, na praza de Lugo da Coruña entre agosto e setembro

“La flota pesquera del Golfo Ártabro Sur” é o título da exposición que esta mañá presentou o GALP Golfo Ártabro Sur e que é o resultado da investigación colaborativa do mesmo nome promovida pola entidade a raíz da próxima redacción da nova Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) para xestionar o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Este foi un traballo en rede no que colaboraron as catro confrarías da zona (Sada, A Coruña, Lorbé e Mera) e tamén as OPP con base no territorio: ACERGA, a Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto de A Coruña e a de Armadores de Pesca de Galicia (Arpega).

Nos quince paneis que compoñen a mostra pode facerse un percorrido pola evolución da frota, desde os barcos do día aos do arrastre de altura, as artes de pesca que empregan, ou as especies máis habituais entre as capturas. Tamén se reservou un espazo para dar a coñecer polo miúdo o intenso traballo que realizan a diario os traballadores do mar vinculados a cada unha das catro confrarías do territorio: A Coruña, Sada, Lorbé e Mera.

Ao acto de presentación, que tivo lugar na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada, sede da exposición, acudiron o presidente do GALP, Alberto Castro, o secretario da entidade, José Garrote, e o alcalde de Sada, Benito Portela. Desde a directiva do GALP, sinalaron que “esta exposición é unha grande oportunidade para amosarlle á veciñanza do territorio a riqueza cultural do noso patrimonio pesqueiro”. Con este obxectivo, a mostra percorrerá o territorio de actuación da entidade durante todo o verán con acceso libre.

Calendario

A exposición “La flota pesquera del Golfo Ártabro Sur” permanecerá na Casa da Cultura de Sada ata o domingo 31 (horario de mañás). Despois, continuará o seu periplo no Centro cívico – Casa da Cultura de Oleiros (2 a 14/08), polo Centro Cívico de Arteixo entre o 16 -28/08 (só mañás) para acabar no mercado da praza de Lugo na Coruña do 5 ao 20 de setembro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *