A Orquestra Xove da OSG brilla en Granada co seu tributo a John Williams

Foi a primeira vez que o festival incluiu na súa programación central unha orquestra xove, que foi a encargada de realizar a homenaxe polo seu 90 aniversario ao compositor de música de cinema John Williams, autor das bandas sonoras de Tiburón, Harry Potter, A lista de Schindler ou Star Wars

A Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia fixo historia onte ao ofrecer un dos Concertos de Palacio enmarcados do Festival Internacional de Música y Danza de Granada, considerado o evento de música clásica máis importante de España. É a primeira vez que unha orquestra xove participa na programación oficial deste prestixioso festival, o que pon de manifesto o éxito da aposta educativa do Concello da Coruña. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañou á Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia a Granada, onde ofreceu un concerto que supón un fito na historia desta ambiciosa aposta educativa do Concello da Coruña.

O concerto que ofreceu a Orquestra Xove foi especialmente significativo porque constituiu o tributo que lle rendeu o Festival de Granada polo seu 90 aniversario ao compositor de música de cinema John Williams, autor de xoias como as bandas sonoras de Tiburón, Harry Potter, A lista de Schindler ou A guerra das galaxias. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quixo amosar o seu apoio ás 42 músicas e 43 músicos, todos eles moi novos e novas, que conforman a orquestra. Ademáis de asistir ao concerto ofrecido no Palacio de Carlos V, dentro do recinto da Alhambra, a alcaldesa foi a animar á formación nos ensaios previos. «Sodes uns magníficos embaixadores da Coruña e tendes o respaldo e o orgullo de toda unha cidade que aposta pola música clásica e dun Goberno que sempre apostou por este proxecto», manifestoulles Inés Rey. Pola súa banda, a alma mater da Orquestra Xove, Víctor Pablo Pérez, destacou a oportunidade única e histórica que supón para os integrantes da orquestra participar nun dos grandes festivais españois, e máis cun programa tan importante e popular como a homenaxe a John Williams.

Onte tiveron a oportunidade de amosar ao mundo a través deste evento de enorme proxección internacional a evolución dunha das grandes apostas realizadas na nosa cidade a prol do desenvolvemento cultural. A Orquestra Xove é unha excelente canteira de músicos profesionais, que teñen a oportunidade de formarse nun proxecto de longo percorrido. De feito, os primeiros atris de músicos de violíns da formación que ofreceu o recital saíron da orquestra de nenos da Sinfónica, o que pon de manifesto os froitos obtidos grazas a este programa.

O concerto da Orquestra Xove constituiu un percorrido, baixo a batuta de Víctor Pablo Pérez e baixo a idea e guión orixinal de Jordi Cos, polas bandas sonoras compostas por un dos maiores creadores musicais que deu xamais o mundo do cinema, John Williams. Entre as obras interpretadas figuran fragmentos da música de filmes como Tiburón, Harry Potter, La lista de Schindler, Jurassic Park ou Star Wars. Como gran valor engadido a este concerto tan especial, o valenciano Salvador Vidal, prestixioso actor de doblaxe (é a voz de Liam Neeson, por exemplo), presentou cada tema con frases do filme correspondente.

O escaparate da elite do panorama musical do momento

O Festival Internacional de Música y Danza de Granada foi creado en 1952 e celébrase nos pazos da Alhambra e noutros fermosos rincóns da cidade, o que xa de por si constitúe un espectacular aliciente nesta cita que cada ano acolle aos grandes intérpretes do momento, xunto con apostas por novos artistas chamados a ser os mestres do futuro. Polos fermosos pazos e patios árabes de Granada pasaron grandes da música como Artur Rubinstein, Victoria de los Ángeles, Montserrat Caballé ou Andrés Segovia, xunto con directores como Carl Schuricht, Herbert von Karajan o Sergiu Celibidache ou bailaríns como Margot Fonteyn ou Rudolf Nureyev.

O festival ten a súa orixe nos concertos sinfónicos que dende 1883 celebrábanse no Palacio de Carlos V durante las festas de Corpus Christi, e bebe tamén do famoso Concurso de Cante Jondo, convocado en 1922 por García Lorca, Falla e outros intelectuais e artistas da época. O centenario deste acontecemento artístico único ten gran protagonismo cunha programación especial integrada no festival, que comezou o pasado 13 de xuño e se prolongará ata o 10 de xullo. Está dividido en varias seccións segundo formatos, xéneros e temáticas, cun total de 97 espectáculos de música e danza. Como todos os anos, conta con dous músicos residentes, o compositor Mauricio Sotelo, un dos referentes da creación europea actual, e a violista alemana Tabea Zimmermann, considerada a mellor intérprete actual deste instrumento. Entre os seus pratos fortes figuran formacións como o Ballet Nacional de Eslovenia ou a Orquestra Sinfónica de Londres, baixo a dirección dun dos mestres ingleses do momento, Sir John Eliot Gardiner.

Un dos proxectos educativos máis orixinais do panorama musical español

Convertida xa nun dos proxectos educativos máis orixinais do panorama musical español, a Orquestra Xove da OSG supón unha das poucas posibilidades reais de achegar aos futuros profesionais á práctica do seu instrumento no seo dunha orquestra sinfónica. Ademais, os seus integrantes reciben unha completa formación con profesores instrumentistas da OSG e numerosas clases maxistrais de grandes profesores e intérpretes.

Desde a súa fundación en 1994, esta iniciativa permitiu a centos de xoves instrumentistas completar a súa formación musical participando en espectáculos operísticos e concertos sinfónicos baixo o maxisterio de mestres como Alberto Zedda, Dima Slobodeniouk, James Judd, Pietro Rizzo, Michael Gilbert, James Ross, Diego García Rodríguez, José Trigueros ou Joan Company entre outros. A formación participou como orquestra de foso en prestixiosos eventos coma o Festival Mozart da Coruña, compartiu escenario coa Orquestra Sinfónica de Galicia en distintos recitais, e ofreceu concertos sinfónicos en Madrid, San Sebastián, Murcia, Valencia, León, Segovia ou Xerez.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.