Ana Miranda e as vítimas do Alvia reuniranse en Bruxelas co director xeral de Mobilidade da UE

No duro camiño de busca de verdade e xustiza para as vítimas do accidente de Angrois, do que nuns días cumprirase o seu noveno aniversario, o BNG e as persoas afectadas polo sinistro dan un paso máis ao manter un encontro na Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte da UE. Así, unha delegación integrada pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e representantes da “Plataforma Víctimas Alvia 04155”  encabezados polo seu portavoz, Jesús Domínguez, reuniranse co director xeral de Mobilidade e Transporte, Kristian Schmidt, o vindeiro 13 de xullo.

“Estamos convencidas de que a vía europea é fundamental para avanzar no camiño da verdade e da xustiza”, subliña Ana Miranda, quen explica que na reunión tratarase, entre outros temas, os distintos aspectos do procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra o Estado polo incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria e os posibles avances que se teñan producido ao respecto.

A portavoz do BNG en Europa lembra que recentemente o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid emitiu unha sentenza na que obriga á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) a tramitar unha petición da Plataforma de Vítimas do accidente do Alvia, para que se realice unha nova investigación técnica do sinistro que sexa realmente independente, como xa apuntou a ERA no seu informe. “No encontro abordaremos estes continuos retrasos do Estado español para realizar unha investigación independente do accidente”, apunta Ana Miranda.

Traslado da denuncia do Bloque

Precisamente a apertura do procedemento de infracción contra España en xaneiro de 2019 por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria foi propiciada tras a denuncia presentada polo BNG nas institucións europeas en xullo de 2017 contra o Estado, o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE. No documento, que Ana Miranda trasladará ao director xeral de Mobilidade e Transporte, denunciábase a infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria aplicable no momento do accidente do tren Alvia, así como por non realizar a avaliación integral de riscos que esixe a norma nos sistemas estruturais, referidos a infraestrutura, enerxía, control de mando e sinalización, sistemas de xestión do tráfico ferroviario.

“Queremos información clara sobre en que punto está o procedemento de infracción por incumprimento de seguridade ferroviaria e que medidas adoptou o Estado para cumprir os requirimentos, se é que adoptou algunha”, manifestou Ana Miranda, quen avanza que proximamente tamén solicitará unha reunión coa Comisaria de Transporte da UE, Adina Valean, co obxectivo de manter a fluidez que tanto o BNG como a Plataforma de Vítimas do Alvia tiñan coa súa antecesora.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.