Arias a Lara Méndez: “As conclusións do último informe sobre a ubicación da praia fluvial son as mesmas que xa comunicaron varias veces desde 2018”

O delegado territorial de Lugo insiste en que as peticións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para aclarar cuestións sobre o caudal e a presenza de especies, entre outras, foron requiridas hai mais de catro anos

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, lembrou hoxe á alcaldesa de Lugo que as conclusións do último informe da Xunta sobre a localización da praia fluvial son as mesmas que xa comunicaron nun primeiro informe que data de xaneiro de 2018.

“Non entendemos como a alcaldesa sinala que estaban agardando polas conclusións do último informe; que se fagan os sorprendidos e que falen de boicot da Xunta, cando levamos catro anos dicindo o mesmo. A Xunta de Galicia non se moveu neste sentido e sempre apuntou a necesidade de facer un estudo da barimetría e do caudal antes de realizar a actuación, ademais de comprobar a presenza de especies. O problema aquí é que o Concello tampouco se moveu para avanzar neste proxecto desde hai máis de catro anos”.

Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Lugo sinalou que “o primeiro dos informes remitido polo Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é de xaneiro de 2018, e as conclusións e os requirimentos que se fan son iguais aos enviados ao Concello e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil o pasado martes. Tiveron moito tempo para facer estes estudos e comprobacións nas épocas adecuadas”.

Por outra banda, Arias Fouz cre que no que atinxe aos riscos para a seguridade nesta zona do río, pola escasa profundidade, os problemas de calado, os afloramentos rochosos e as fortes correntes en caso dunha subida do caudal, son cuestións que “todos os lucenses saben, e que calquera pode ver e comprobar nas épocas de verán”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.