Avia Veira: “O Goberno local ten responsabilidade na situación das traballadoras das bibliotecas”

“O BNG reuniuse coas traballadoras e traballadores hai máis dunha semana. O Goberno Local agardou até hoxe para facelo. Tenlles que dar solución ao seu problema. Non pode ser que non perciban con normalidade as súas nóminas”

O Goberno Local ten “responsabilidade”, compartida coa empresa concesionaria, na situación que atravesan as traballadoras e traballadores das bibliotecas municipais, abocadas a unha folga ao non teren percibido aínda a nómina do mes de xuño nin a paga extra que lles correspondería cobrar agora.

Así o considera a concelleira do BNG Avia Veira, quen levará este asunto ao Pleno do vindeiro xoves en forma dunha pregunta oral.

Veira pídelle ao Goberno Local que lles dea ás traballadoras e traballadores deste servizo municipal externalizado “unha solución axeitada” na reunión axendada para este venres. “O BNG reuniuse coas traballadoras e traballadores hai máis dunha semana. O Goberno Local agardou até hoxe para facelo. Tenlles que dar solución ao seu problema. Non pode ser que non perciban con normalidade as súas nóminas”, afirma Avia Veira.

“Calquera escenario que non sexa achar hoxe unha solución a este problema sería unha falta de respecto e empatía total por parte do Goberno Local”, indica Veira.

“Queremos amosar o noso apoio absoluto ás traballadoras e traballadores das bibliotecas municipais. A súa situación non é tolerábel. O problema non é que estean agora con incerteza sobre se van percibir ou non o seu salario. O problema é que esta situación se repite con certa frecuencia”, denuncia a concelleira nacionalista.

Para o BNG, as responsabilidades son “compartidas” entre a concesionaria, “que é loxicamente a quen lle compete aboar os salarios”, e o Goberno Local, “que ten que controlar o cumprimento estrito das condicións laborais nos servizos externalizados”.

Anuncia Veira que “lle imos esixir en Pleno ao Goberno Local que remate con esta situación de incerteza para que nunca máis o persoal das bibliotecas dubide se vai recibir a súa nómina, é dicir, se vai cobrar ou non polo traballo que realiza”.

O BNG estima que o das bibliotecas “é un servizo municipal a protexer, fomentar, ampliar e mellorar”. “No Acordo de Investidura que asinamos co grupo socialista conviñemos darlle ao persoal a estabilidade laboral á que teñen dereito e tamén dar pasos cara á unificación da rede. Infelizmente, o PSOE non está a cumprir nin unha cousa nin a outra”, conclúe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.