Carme Dacosta urxe á Xunta a pedir a declaración de zona catastrófica nos terreos afectados polo lume

Alerta da “gran debilidade” do servizo de prevención e defensa contra os lumes e reivindica un modelo “único, profesional e equipado dependente da Xunta”

A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, urxiu hoxe á Xunta a pedir a declaración de zona catastrófica das zonas afectadas polos lumes forestais. Presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar a reformulación do sistema de xestión forestal cun servizo de prevención único, profesional e equipado dependente da Xunta, que conta cos recursos orzamentarios necesarios.

A responsable socialista instou á Xunta a seguir o camiño marcado polos concellos, sinaladamente o do Barco de Valdeorras, e cumpra coas súas competencias para pedir a declaración de zona catastrófica na superficie arrasada polos incendios forestais. Esta fórmula, explicou, permitiría axilizar as axudas e medios necesarios para os veciños afectados polos incendios das provincias de Lugo e Ourense.

Sinalou que estes incendios, que xa levan arrasadas 30.000 hectáreas en Galicia, teñen posto sobre a mesa a “gran debilidade” do servizo de prevención e defensa contra os incendios, focalizado polo goberno galego na extinción no canto de adoptar medidas preventivas antes de que comecen os lumes. Reivindicou un “servizo único, profesional e equipado dependente da Xunta”, que é quen conta cos recursos necesarios.

Explicou que os concellos carecen da capacidade orzamentaria da que si dispón o goberno galego, que destina cada ano 142 millóns de euros á extinción e prevención de incendios. Engadiu a necesidade de “empregar unha cantidade moito máis importante na prevención que na extinción”, logo de que o informe do Consello de Contas de 2016 sinalara que “debera ser gastado o 87 por cento en prevención e o 13 por cento en extinción”, xusto o contrario do que fai a Xunta.

Rodríguez Dacosta chamou a “reformular a xestión forestal” e a que “unha vez acabado o problema e estes incendios, poñer enriba da mesa os problemas estruturais do mundo rural”, que afronta uns incendios de sexta xeración cun modelo de extinción “máis propio dos anos 90” por parte do goberno galego. Reivindicou así “unha xestión sostible que combine os eixos económico, medioambiental e social” e, advertiu, “se non se reformula os lumes seguirán a ser catastróficos”.

Advertiu de que o principal problema dos lumes en Galicia radica no “abandono absoluto no que se atopa o noso rural”, convertido nun territorio improdutivo, que converte milleiros de hectáreas de mato e arborado nunha “bomba de biomasa”. Ademais, o abandono do rural e a desaparición das terras de labor deixa os núcleos de poboación sen estes cortalumes naturais, poñendo en serio risco as vivendas diante dos lumes.

A parlamentaria socialista lamentou que o goberno galego teña incumprido de forma flagrante a maioría das 123 medidas acordadas na Comisión específica convocada logo da vaga de lumes de 2017, que xa prevía a reformulación da prevención e loita contra o lume. Logo de cinco anos o goberno segue sen poñer en marcha as medidas do ditame nin as múltiples propostas presentadas polos socialistas galegos, que foron desbotadas sistematicamente.

Carmen Rodríguez Dacosta comezou amosando a solidariedade dos socialistas galegos cos milleiros de veciños e veciñas desprazados polos lumes e que viron as súas propiedades afectadas polas chamas. Tamén agradeceu o labor dos traballadores e traballadoras que están a loitar contra os incendios forestais, poñendo a súa vida en perigo, así como cos voluntarios desprazados a Galicia para axudar nesta tarefa.

Propostas

A responsable socialista presentou unha batería de propostas en positivo para reclamarlle á Xunta que poña en marcha de forma urxente un plan de recuperación da actividade agrogandeira e forestal fronte ao despoboamento do rural galego. Reclama a profesionalización da loita contra o lume e esixe a posta en marcha de traballos de prevención durante todo o ano, sinaladamente antes da temporada de alto risco, incluíndo ademais medidas de concienciación cidadá.

Insta a desenvolver un estudo profundo cun mapa de combustibles actualizado, que permita actuar poñendo o foco na ordenación do territorio con medidas preventivas, como é o desenvolvemento dunha paisaxe en mosaico que permita illar os focos secundarios. Urxe ademais a realizar plans de autoprotección e evacuación dos núcleos de poboación, e actualizar o dispositivo, implantando unha óptima organización dos medios materiais e humanos.

Carmen Rodríguez sinalou ademais que, logo de rematada a crise, a Xunta deberá ofrecer datos concretos dos efectivos que estaban a traballar cando xurdiron os incendios, que son “moitos menos dos que figuran no Pladiga e dos 7.000 dos que están a falar o presidente da Xunta e o conselleiro do Medio Rural”. Ademais, sinalou a urxencia de examinar a xestión dos parques naturais, “neste momento abandonados”, e que se están a ver seriamente danados polos lumes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.