Celebración do I Encontro de Mulleres Abelleiras Galegas en Arzúa

Este sábado terá lugar o I Encontro de Mulleres Abelleiras Galegas, no marco da II Xornada Máis que Mel
A celebración do I Encontro de Mulleres Abelleiras Galegas será o acto central desta xornada dirixida a todas as persoas amantes das abellas e dos seus produtos. Trátase dunha iniciativa de Máisquemel, proxecto adicado á divulgación sobre as abellas, que presentará nesta xornada a creación deste novo colectivo de mulleres. Ademais na xornada haberá varias actividades, coa participación doutras entidades do sector apícola, como a cooperativa Erica Mel, a empresa de material Apitienda-Lyson, o museo O Enredo do Abelleiro e fabricantes de sistemas de protección das colmeas ante a Vespa velutina.
A muller na apicultura
A presenza da muller na apicultura, así como noutros moitos sectores, estivo relegada históricamente a un segundo plano, mentres que a imaxe pública e protagonista era a do home apicultor. Pero detrás dese apicultor houbo, na gran maioría dos casos, unha muller encárgandose de moitas das tarefas necesarias para o desenvolvemento da actividade. Así como tamén houbo moitas mulleres apicultoras, levando o oficio e tódalas súas dimensións, pero que por inferioridade de número e a invisibilización xeral da muller na nosa sociedade, non destacaron e pasaron desapercibidas. Afortunadamente, esta tendencia está cambiando, grazas á loita de moitas mulleres ó longo da historia e na actualidade. Cada vez está tendo máis presenza a muller apicultora, con toda a súa potencialidade e múltiples posibilidades. O colectivo Mulleres Abelleiras Galegas, terá como obxectivo visibilizar a presenza das mulleres na apicultura así como noutros ámbitos relacionados coas abellas, dende o medio ambiente, a ciencia ou a cultura, favorecendo así o desenvolvemento efectivo e integral da muller.
Actividades para todos os públicos
O programa da xornada inclúe actividades para diferentes públicos, como venda de material e produtos apícolas de Erica Mel e Apitienda – Lyson e información sobre as arpas eléctricas, un método que se demostrou eficaz para protexer as abellas ante os ataques da Vespa velutina, que agora no verán comeza a atacar as colmeas. Ademais, o museo O Enredo do Abelleiro abrirá as súas portas durante ese día para todo o público asistente da xornada e os nenos e nenas poderán facer divertidos obradoiros sobre as abellas. Para rematar haberá un xantar de campo no excepcional entorno do museo, un enclave de especial beleza a carón do embalse de Portodemouros, e que será amenizado pola música da familia de acordeonistas as «Abelleiras de Barilongo».