Divulgacción abre este sábado na Domus o seu encontro anual ao público

Coa presentación dos libros sobre a historia do ceo e as expedicións mariñas de Antonio Martínez Ron e Javier Peláez

A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica Divulgacción celebra este sábado, 23 de xullo, na Domus da Coruña o seu encontro anual, que se abrirá a todo o público pola tarde. Eva Cabanelas e Andrea Muras presentarán o concurso de monólogos científicos en galego Ciencia Calidade (17:30 horas) e a partir das 17:45 horas os divulgadores científicos Antonio Martínez Ron e Javier Peláez presentarán os seus últimos libros, Algo nuevos en los cielos (Crítica, 2022), unha historia sobre o coñecemento do ceo, e Planeta océano (Crítica, 2022), unha obra na que Peláez afonda nas expedicións mariñas que descubriron o mundo. O programa pode consultarse na páxina web da asociación.

A xornada arrincará pola mañá coa programación específica para socios e socias, na que Antonio Martínez Ron e Javier Peláez tamén intervirán como fundadores de Naukas, a plataforma de divulgación científica española que leva xa máis dunha década achegando o público a ciencia baixo o lema Ciencia, escepticismo e humor. A cita contará con once persoas convidadas que presentarán distintas iniciativas de éxito e innovadoras na comunicación da ciencia, entre elas Catarina Costa Moura, que falará das accións de comunicación no Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía, unha infraestrutura internacional singular compartida entre Portugal e España con sede en Braga.

O divulgador Manuel Vicente, o xornalista Manuel Rey, a científica Joana Magalhães, os investigadores Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo compartirán experiencias nunha mesa redonda (13:00 horas) na que presentarán o proxecto Voces da ciencia, o arquivo sonoro dos pioneiros da ciencia galega actual promovido por Divulgacción da man do Consello da Cultura Galega; o libro Pioneiras da ciencia en Galicia (Galaxia, 2021); Newsera, un proxecto de ciencia cidadá como novo paradigma da comunicación científica; e as G-Nights de Xuveciencia, a iniciativa de achegamento da mocidade á investigación do Campus de Lugo. Tamén intervirá o físico Ricardo Paredes, que exporá a súa experiencia como profesor da súa disciplina nos Estados Unidos.

A mañá arrincará ás 10:30 horas cun obradoiro con kits de investigación educativa de Xuveciencia para cacharrear coas mans.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.