Familias e cativada, no centro da terceira xornada do Festival Atlántica en Santiago

Virginia Imaz (Euskal Herria) e Carolina Rueda (Colombia) actuarán xuntas pola mañá e pola noite. A ‘Gaitazumba’ de Luis Prego regresa este ano ao festival e tomará a Praza de Cervantes. Os bebés terán unha cita con Atenea García no Parque de Bonaval
A Praza de Cervantes concentrará a actividade do Festival Atlántica durante a mañá do sábado. A partir das 12 horas, o público infantil e familiar ten unha cita cos ‘Contos do Cantábrico ao Pacífico’ da narradora guipuscoana Virginia Imaz e mais a colombiana Carolina Rueda. Unha vez rematada a sesión, o público está convidado a participar no espectáculo de ‘Gaitazumba’ de Luis Prego, ás 12:45 horas, no mesmo lugar.
Pola tardiña, ás 19 horas, o Parque de Bonaval recibirá a función ‘Corochas’ de Atenea García, concibido para bebés de entre cero e tres anos. A quenda do público adulto comezará ás 21:30 horas, tamén en Bonaval, cando Virginia Imaz e Carolina Rueda volvan compartir escenario coas historias da ‘Mitoloxía vasca’ e dos ‘Contos e sucedidos’, respectivamente.
O domingo, 3 de xullo, logo dunha pausa de dous anos por mor da pandemia, vaise celebrar de novo o ‘Vermú de contos’, unha xuntanza informal entre os artistas e o público nun ambiente distendido na leira de Barcia, en Ribóo, no concello da Estrada. As prazas para esta actividade son limitadas e para asistir cómpre inscribirse a través do correo festivalatlantica@gmail.com. Unha vez formalizada a inscrición, achegarase toda a información sobre a actividade e a localización exacta aos participantes.
Alén de Santiago
E mentres todo isto está a acontecer en Santiago, o sábado haberá tamén contos atlánticos no auditorio do Concello de Pazos de Borbén (Vítor Fernandes e Estefânia Surreira, 12 h), na casa da árbore de Anxo Moure en Garabelos, Chantada, no hórreo de Carnota (Paula Carballeira, 20:30 h), no Castelo de Castrodouro en Alfoz (Santi Prego e Jorge de Arcos, 20:30 h) e na Eira de Traxeito de Dodro (Sofia maul e Charo Pita, 20:30 h). E o domingo, Lois Pérez estará en Mondoñedo na casa modernista Santa Emilia (21:30 h).
Pausa ata o mércores
O festival Atlántica descansará ata o vindeiro mércores 6 de xullo, cando os contos volvan tanto a Santiago como ao resto das sedes ata completar os 94 espectáculos previstos nesta edición por toda Galicia. Esta intensa programación é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración dos concellos e entidades que acollen ao festival. Cómpre lembrar que Atlántica desenvolve a súa actividade nas localidades de Ferrol, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas, Teo e Padrón ademais de Santiago de Compostela. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.