Folga indefinida en Urbaser Santiago a partir do 18 de xullo

O comité de empresa de Urbaser en Santiago de Compostela anunciou esta mañá a convocatoria de folga indefinida no servizo de recollida do lixo e limpeza viaria a partir do 18 de xullo, recollendo así a petición unánime da asemblea de traballadores e traballadoras que tivo lugar o martes. Os motivos, segundo explica CCOO do Hábitat, a falta de avances na negociación do convenio colectivo, sobre todo no que se refire á garantía do poder adquisitivo dos salarios, e o incumprimento dos pregos de contratación, especialmente no que se refire á dotación de medios e de persoal.

A oferta da empresa é un convenio de cinco anos de duración cunha suba do 0 % no 2021, unha paga de 150 euros non consolidable para o 2022, un 0,75 % para o 2023 e o 0,25 % para 2024 e 2025 sobre o que o Estado pacte para eses exercicios no ámbito do sector público. O comité, pola contra, esixe subas que como mínimo cubran o IPC, máis un 1,8 % adicional no 2021 e do 3 % no 2022.

Canto ao incumprimento dos pregos, CCOO-Hábitat sinala a falta de limpeza e mantemento dos colectores e papeleiras, a falta de varredoras, o mal estado dos camións, a «nula» limpeza nas áreas rurais do municipio, a mala xestión da reciclaxe e a falta de persoal.

Este último aspecto é o máis preocupante, xa que «nin sequera se cobren as baixas e vacacións», incluso incumprindo o acordo sobre bolsa de traballo: a comezos de ano, a empresa non renovou os contratos de dúas persoas que levaban catro anos en Urbaser. «Están vulnerando un compromiso recollido por escrito», incide CCOO.

Responsabilidade do Concello

Desde CCOO-Hábitat repróchanlle ao Concello de Santiago non exercer «a súa obriga de velar polo cumprimento da prestación do servizo contratado». Desde o mes de maio, que se formalizou o novo contrato, «non se está facendo ningún control» sobre a correcta prestación do servizo por parte de Urbaser, aseguran.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.