Formoso empraza á Xunta a “dar xa o paso de solicitar a declaración de zona catastrófica para os incendios do Courel e Valdeorras”

O secretario xeral do PSdeG sinalou que aproveitará a asistencia ao Comité Federal do PSOE para pedirlle a Pedro Sánchez que teña en conta a petición para mobilizar toda a axuda posible

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, emprazou hoxe á Xunta a non perder máis tempo e a dirixirse ao goberno do Estado para solicitar formalmente  a declaración de zona catastrófica para as zonas do Courel e Valdeorras afectadas polos incendios forestais. Esta medida permitiría mobilizar toda a axuda posible para as persoas que perderon os seus fogares ou que viron danadas as súas explotacións agropecuarias e todo tipo  de establecementos empresariais.

O número un dos socialistas galegos, que este sábado asistiu en Madrid ao Comité Federal do PSOE, valorou ao inicio da xuntanza que “faise imprescindible que o goberno galego pida oficialmente esta declaración de zona catastrófica”, algo que de momento non aconteceu. Do mesmo avanzou que vai pedir esta declaración directamente ao presidente Pedro Sánchez, aproveitando a reunión orgánica na rúa Ferraz.

A consideración administrativa de zona catastrófica comportaría algunhas vantaxes e compensacións para as persoas damnificadas polos lumes forestais. Entre as posibilidades que ofrece a declaración do Consello de Ministros están as medidas compensatorias a nivel económico para os particulares afectados, accións para incentivar a recuperación empresarial e económica dos territorios ou axudas para a activación no plano laboral.

Estas accións que serían pagadas con fondos estatais permitirían compensar no plano económico a veciños, agricultores e pequenos empresarios “para recuperar parte dos bens perdidos” aínda que Formoso insiste en que “a parte emocional non se recupera con cartos”.

O líder do PSdeG confía en que o goberno do Estado acepte a petición xa que o propio Pedro Sánchez puido coñecer en primeira persoa “o efecto devastador do lume no noso país” no transcurso dunha visita que Formoso agradeceu “en nome de todos os galegos e as galegas”.

A petición de declaración de zona catastrófica para as zonas devastadas polos incendios foi solicitada por unanimidade pola corporación municipal do Barco de Valdeorras, en sesión celebrada o pasado mércores, e tamén foi avalada polo PSdeG dende o Parlamento de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.