Lorena Patiño adxudícase unha etapa e a xeral cadete da Volta ao Nordeste

A marinense liderou a actuación da Selección de Galicia en Portugal

Éxito da Selección de Galicia durante a pasada fin de semana ao outro lado do Miño. A cadete Lorena Patiño anotouse unha etapa e a clasificación xeral da Volta ao Nordeste en Portugal. Ao podio final da primeira edición desta rolda lusa tamén subiu a júnior galega Sonia Domínguez (Team Farto-BTC) como terceira entre as xuvenís.

Tres semanas despois de proclamarse campioa de España de XCO, a marinense Patiño volveu triunfar coas cores da Selección de Breogán. Nesta ocasión fíxoo por partida dobre. Na Volta ao Nordeste comezou logrando a vitoria parcial na tirada do sábado entre Carrazeda de Ansiães e o alto de Vila Flor. Os 62,4 quilómetros completounos cunha vantaxe de 39 segundos respecto a Irene Moreno (Fuenlabrada).

A representante do combinado da Federación Ciclismo Galego e a corredora do conxunto madrileño volveron ser as máis fortes o domingo nos 64,9 km con saída en Vila Flor e meta en Mirandela. A orde de chegada inverteuse e a vitoria de etapa correspondeu a Moreno por unha marxe de 5″ sobre Patiño, que deste xeito certificou o seu primeiro posto na xeral. Alice Bottino (Hydpinturas), a terceira clasificada tanto nas dúas xornadas como na volta, rematou a 12:37 da corredora de Marín.

A Selección dirixida por Jacobo Ucha competiu con outras seis corredoras, tres cadetes (Lara Fuentes, Lucía Ballester e María Filgueiras)  e tres juniors (Carmen Mallo, Andrea Prado e Laura Mira), que contribuíron co seu esforzo para que Patiño conquistara a camisola de líder. Ademais de traballar a prol da súa compañeira nesta volta, Fuentes asinou a 14ª praza na xeral final logo de terminar a primeira etapa na 21ª posición, xusto por detrás de Ballester.

Sonia Domínguez

O Team Farto-BTC e o Kiwi Atlántico-Louriña foron os outros dous equipos galegos que participaron nesta cita organizada pola Associação de Ciclismo de Bragança. A formación de Pontevedra colleitou dous postos de podio nas xerais. Sonia Domínguez, terceira na etapa do sábado e segunda na do domingo, concluíu terceira nas juniors a 14:09 da gañadora das dúas tiradas Iris Chagas (Catanhede). O mesmo resultado global na volta, o terceiro posto, acadouno para o conxunto con sede na cidade do Lérez a valenciana Marta Romeu nas elites.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.