O Bike Park de Manzaneda garante emocións fortes este domingo co Campionato de Galicia de Descenso

A batalla polas coroas autonómicas librarase nunha cita de clase I.5 do calendario español

O Descenso galego lucirá esta fin de semana as súas mellores galas no seu centro neurálxico. A Estación de Montaña de Manzaneda albergará o Campionato de Galicia – III Trofeo Federación DHI Manzaneda Bike Park. Ademais de repartir as coroas autonómicas desta especialidade, a cita atraerá a riders doutras comunidades ao tratarse dunha proba de clase I.5 no calendario da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

A estación ourensá volve ser garantía de emocións fortes dous meses despois de acoller o 1 de maio a segunda edición do Trofeo Federación DHI Manzaneda Bike Park. Desta volta faino coa participación de case 150 pilotos e co aliciente da batalla polas camisolas de campións de Galicia.

Os títulos elites defenderanos Gemma Chapela e Francisco Vilaboa, mentres que no resto de categorías subiron ao máis alto do podio o ano pasado en Ponteareas o sub23 Víctor Mariño, Uxía Álvarez e Roi Jorge en juniors, Lucía Piñeira e Uxío Atrio en cadetes, Alejandro Vila nos máster-30, José Manuel López Vaqueiro nos máster-40 e José Ernesto Camesella nos máster-50. A maiores haberá competicións para infantís e de Enduro.

Horarios e circuíto

O programa da fin de semana arrancará o sábado cos adestramentos libres. A toma de contacto co circuíto continuará o domingo entre as 10:00 e as 12:30 h. cos ensaios oficiais. A partir das 13:00 h. comezará a competición coa Quenda Clasificatoria e a hora da verdade chegará ás 15:30 h. coa Quenda Final.

O percorrido será o mesmo que o do I Trofeo Federación DHI Manzaneda Bike Park, celebrado en novembro do 2021, pero saíndo 300 metros más abaixo para evitar unha primeira parte de pedaleo. O trazado divídese en dúas zonas: unha primeira con curvas peraltadas e saltos de gran velocidade e unha segunda metade con trialeiras máis lentas, finalizando ao pé da telecadeira, na Tasquiña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.