O Grupo Popular demanda ao BNG que deixe de presentar a Galicia como “o territorio do candil e a lareira”

A portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Elena Candia, demandou hoxe ao BNG que “abandone o seu empeño en presentar a Galicia como o territorio do candil e a lareira” e asegurou que “erran no diagnóstico da situación que vive o noso rural, o que lles vai difícil acertar no tratamento necesario para abordar os seus problemas”.

Elena Candia lamentou que o BNG defina ao rural galego como “ancorado no autoconsumo, en onde gobernos alleos non souberon ver a necesidade de por cartos e bondades para facer de Galicia un país moderno e puxante”. Porén, asegurou que “hoxe Galicia é unha terra moderna e puxante, na que os galegos do sector primario traballan cada día para deixarlle aos seus descendentes un país moderno e puxante”.

“Desde o PPdeG defendemos que Galicia neste momento é un exemplo en moitas cousas”, subliñou a portavoz popular, quen se referiu en concreto “ás denominacións de orixe, ás identificacións xeográficas protexidas, as empresas agrarias ou aos produtos que destacan a nivel mundial pola súa extraordinaria calidade e pola gran profesionalidade dos nosos agricultores e gandeiros”.

Candia afirmou que “entendemos que en Galicia hai sitio para todos os sectores agrarios: agrícola, gandeiro e forestal”, e sinalou que “se queren escoitar que vamos a acabar co sector forestal en Galicia, lamento decepcionalo porque temos que conseguir a convivencia dos tres sectores produtivos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.