O Parlamento galego condena e rexeita a intolerancia e agresividade do alcalde de Pol contra un afeccionado do Portomarín C.F.

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, que non tivo o respaldo dos deputados socialistas, a través da que expresa a súa condena e rexeitamento á conduta protagonizada polo alcalde de Pol, Lino Rodríguez, dirixida contra un afeccionado dun equipo de Portomarín durante un partido de fútbol o día 8 de maio de 2022, por canto evidencia total intolerancia e agresividade, comportamento impropio dun cargo público institucional.

O pasado 8 de maio, un afeccionado do Portomarín Club de Fútbol denunciaba un intento de agresión a mans dun afeccionado da Sociedade Deportiva Pol durante un partido entre ambos equipos, que resultou ser o alcalde de Pol, Lino Rodríguez. “Se estas actitudes violentas son sempre condenables, aínda adquiren máis gravidade cando veñen dun responsable público que ten o deber de exemplaridade, e que ademais goza de especial protección penal pola súa condición de autoridade pública”, sinalou o viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos.

“Pero é que ademais, lonxe de arrepentirse do seu comportamento e presentar escusas públicas, o alcalde de Pol realizou manifestacións sobre este incidente en medios de comunicación absolutamente impropias dun representante público”, indicou.

Alberto Pazos puntualizou que “outra singularidade deste incidente é que o PSdeG, do que é militante o alcalde de Pol, non se ten pronunciado ao respecto destes feitos, a pesar de ser especialmente esixente respecto da exemplaridade pública cos demais, e máis aínda tendo en conta a reiteración deste comportamento por parte de Lino Rodríguez”.

O viceportavoz popular lamentou que a falta de apoio dos socialistas a esta iniciativa “amosa a súa falta de coherencia cando lles toca aplicar aos seus compañeiros de partido a exemplaridade que esixen, con gran lixeireza, aos demais grupos políticos”. “Non pedimos esta condena de maneira improvisada, senón con tempo dabondo para que puidesen facer as consultas oportunas e coñecer así a postura oficial do PSdeG e do seu secretario xeral, o señor Formoso”, explicou.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.