O Parlamento galego pide ao Goberno central que rectifique o novo mapa de transporte por estrada e teña en conta as peculiaridades de Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do Grupo Socialista, a través da que se pide ao Goberno de España que rectifique os criterios empregados no deseño do novo mapa concesional das liñas de transporte por estrada da súa competencia e teña en contas as peculiaridades que ten Galicia no que respecta á dispersión territorial e poboacional, promovendo a prestación de servizos de transporte interautonómicos de calidade, que garantan, cando menos, as paradas e os tráficos actuais, ademais das conexións directas existentes ata o de agora. “Non é asumible que, canto máis caros están os combustibles e cando máis necesario é para os cidadáns o transporte público, o Goberno de Pedro Sánchez faga unha política totalmente contraria e pretenda, de facto, desmantelar este servizo”, sinalou o portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro.

Na súa intervención, Balseiro explicou que o novo mapa concesional de autobuses de competencia estatal suprime paradas en 23 concellos galegos, que suman unha poboación de 136.000 persoas, supón a supresión de 76 servizos interiores e deixa sen prestar de xeito directo 1.100 rutas de autobús. A nivel de toda España, elimina o 47 por cento das rutas, rebaixa nun 74 por cento os municipios con parada e merma nun 31 por cento os quilómetros que percorre de media cada vehículo.

“O Goberno de España defende e promove un modelo de servizo público de mobilidade que da prioridade aos criterios económicos fronte á rendibilidade social e fronte ao equilibrio territorial”, lamentou o portavoz de Infraestruturas, quen anotou que “condena á morte aos servizos de media distancia e dificulta considerablemente a mobilidade interior e da zona rural, ao reducir os servizos de autobús intercomunitario”.

RECUPERAR OS SERVIZOS DE ANTES DA PANDEMIA

José Manuel Balseiro manifestou que a esta situación engádese que “o Goberno de España non recuperou aínda na súa totalidade os servizos de tren e autobús que había antes da pandemia”, polo que subliñou “o negativo e incoherente que é reducir a oferta e a calidade do transporte público no momento actual, cando máis o necesitan os cidadáns polo incremento do prezo dos combustibles”. “Lamentablemente, vemos que o Goberno de España aposta cada vez máis por un transporte menos público e menos colectivo”, dixo.

Por último, Balseiro lembrou que a Xunta e os concellos afectados acordaron o pasado día 4 pedirlle ao Goberno de España a retirada do novo mapa estatal de concesións de autobús, “unha postura común que o  Goberno galego xa trasladou á Conferencia Nacional de Transportes, porque todos os galegos teñen dereito a un transporte público de calidade, que garanta a igualdade e que contribúa a reducir o consumo de combustible”.

Esta oposición ao novo mapa concesional de autobuses de competencia estatal tamén é compartida por outras comunidades autónomas como Castela e León, Aragón ou Andalucía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.