O Pazo de Mariñán prepárase para acoller ás primeiras autoras das Residencias Artísticas de Literatura e Pensamento

Vanesa Martínez Sotelo e Andrés Sanjurjo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento, iniciarán as súas estadías creativas o vindeiro luns e permanecerán no Pazo ata finais do mes de xullo

Vanesa Martínez Sotelo, Andrés Sanjurjo, Paula Domínguez e Judith Ruso iniciarán o vindeiro luns, 18 de xullo, a súa estadía nas Residencias Artístícas Mariñán dedicadas a Literatura e Pensamento. Serán as catro primeiras persoas que participan nesta experiencia dedicada a disciplinas literarias, e que complementan as residencias dedicadas a música que comezaran no mes de maio.

Convén lembrar que as Residencias Artísticas Mariñán son unha iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña na súa aposta por promover a creación en galego, cunha visión contemporánea e consciente, e que ten nesta primeira edición a produción musical e a literaria como leti motiv.

Concretamente na convocatoria para as residencias literarias foron elexidas 8 autores e autoras, de xeito que a esta primeira estadía no mes de xullo se lle sumará unha segunda estadía a comezos do mes de decembro na que participarán María Esther Fernández Carrodeguas, María Soraya Lema Carballo, Xosé Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández.

Na estadía que comeza o vindeiro luns, Andrés Sanjurjo García traballará no proxecto Esmola, un ensaio sobre como se representa, principalmente no cinema, o Outro subalterno – por exemplo, actores e actrices non profesionais de países non hexemónicos-; Vanesa Martínez Sotelo traballará na proposta de teatro domumento titulada Namib; Paula Domínguez no proxecto Tratado sobre a improdutividade, unha investigación filosófica sobre as lóxicas de consumo e a mercantilización; e Judith Ruso no proxecto Aesthetica Ruralis: natureza e cultura contemporánea, no que repensa a relación entre natureza e cultura contemporánea.

Participantes

Literatura

Vanesa Martínez Sotelo (Cangas do Morrazo, 1981). Dramaturga e directora teatral. En 2008 traballa como dramaturga residente para o Centro Dramático Galego coa creación de Estigma e en 2009 como artista residente para a mesma institución con Corpo-puta-vaca-berro. En 2010 obtén o Premio do Xurado do IV Certame “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico con Indoor e o XIII Premio Josep Robrenyo con Memoria do incendio. En 2011 recibe o IV Premio Abrente de Textos Teatrais con Campo de Covardes. En foi 2014 é seleccionada dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales do INAEM con Nome:Bonita. Nese mesmo ano participa no proxecto internacional “365 Women a Year” con O retrato da sibila, centrada na figura de Maruja Mallo. En 2018 a peza Nome:Bonita recibe o Premio Mondoñedo 10 á mellor obra teatral da década en lingua galega. Ao longo da súa traxectoria profesional de máis de quince anos de experiencia, os seus traballos foron presentados en festivais da Galicia, Portugal, Brasil, México, Colombia ou Venezuela. Actualmente, combina o seu traballo creativo na compañía Incendiaria coa faceta como docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Entre os seus traballos máis recentes destacan: Microspectivas dun marica millennial -XXV Premio Maria Casares ao Mellor Texto Orixinal (compartido con Davide González)-, Espécies Lázaro – escrita e dirixida para a compañía portuguesa Teatro Art’Imagem- e a dramaturxia de A lúa vai encuberta, proposta gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e galardoada co XXVI Premio María Casares á Mellor Adaptación.

Andrés Sanjurjo García, co proxecto Esmola. (A Coruña, 1993) Estuda Comunicación Audiovisual e especialízase en cinema con varios mestrados entre as cidadesd de Burgos, Porto, Santiago de Chile, Barcelona e A Coruña. Complementa a formación regrada con seminarios e obradoiros con cineastas do talle de Abbas Kiarostami, Víctor Erice ou Boris Lehman. Tras traballar para produtoras como Zeitun Films, Miramemira, El Viaje Films ou Forastero e con realizadores como Oliver Laxe, Santiago Fillol, Raúl Capdevila e Carlos Martínez-Peñalver, crea Acariño Films para procurar novos medios de produción coa intención de xerar unha contorna de propostas arriscadas de autoras emerxentes. Acariño nace da súa necesidade de autoproducir o seu primeiro filme Alén Mar (en posprodución). Pouco despois involúcrase na coprodución de Los Saldos, dirixida e coproducida por Raúl Capdevila, que foi estreada no festival Visions du Reel en 2022. Actualmente, Acariño conta con outros dous filmes en desenvolvemento: Proto dirixido por Álvaro Chior e Esmola, que será o seu segundo filme e a súa tese de doutoral.

Pensamento

Paula Domínguez. (Pontevedra, 2003). Actualmente cursa o Grao en Filosofía na USC, unha disciplina que define como “un espazo de síntese de todas as miñas inquedanzas científicas, sociais e literarias, amais dunha vía fundamental de comprensión da realidade que me rodea”. Ten escritos dous poemarios e unha novela inédita, e participa en diversas accións relacionadas coa loita pola igualdade de xénero, transición ecolóxica e inclusión do colectivo LGTBIQA.

Judith Ruso. (Negreira, 1998) Ten estudos de Deseño de Moda na EASD Mestre Mateo, en Santiago de Compostela, e na Accademia della Moda en Nápoles, Italia. Como autora, o seu poemario Hábitat Hostil quedou segundo no Xuventude Crea e Demasiada lucidez finalista no X Certame de poesía Ardeiro.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *