O persoal dos servizos de socorrismo e limpeza de praias de Carballo fórmase para contribuír á protección da píllara das dunas

A xornada impartida onte por un técnico do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, completouse coa instalación de dous paneis informativos nas praias

O Concello de Carballo aposta pola formación e a información para seguir avanzando na protección dunha especie tan sensible como a píllara das dunas, unha ave protexida que aniña nos nosos areais. Con ese obxectivo, hoxe celebrouse unha xornada formativa para o persoal dos servizos de salvamento e socorrismo e limpeza de praias, para que coñezan mellor a especie e poidan contribuír á súa protección. Na súa intervención, o técnico Miguel Hermida, do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, confirmou que a presenza da píllara nas nosas praias é un símbolo de sustentabilidade, e ademais contestou a outras cuestións que ano tras ano son motivo de polémica, como a presenza de algas. Miguel Hermida foi tallante: “As algas non son lixo”, e non deben ser retiradas.

Despois da xornada impartida na base de Protección Civil, ata a que se achegaron tamén o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, o persoal municipal desprazouse ata o litoral para colocar dous grandes paneis, un en Razo e outro en Baldaio, con información sobre a píllara e cos cales tratamos de sensibilizar a toda a poboación sobre a necesidade de respectar certas normas para garantir a súa protección.

A píllara das dunas (charadrius alexandrinus) é unha ave de pequeno tamaño, entre 150 e 175 milímetros de lonxitude, que figura como especie ameazada a nivel europeo e en situación de perigo en España. En Galicia está vixente dende o ano 2014 o Plan de conservación da píllara das dunas, xa que a nosa comunidade é a única da costa cántabro-atlántica na que é posible atopala. Case o 90% da poboación española de píllara concéntrase nas costas mediterránea e andaluza.

Segundo a información facilitada por María Vidal, doutora no Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela, entre os anos 2012 e 2021 rexistráronse en Galicia 83 parellas distribuídas en 23 praias, que constitúen o medio no que nidifican. Os niños soen formalos entre o 15 de marzo e o 31 de xullo, e os polos nacen entre o 15 de abril e o 31 de agosto. Por iso é tan importante informar á poboación nesta época do ano.

O plan galego establece normas específicas para as áreas de presenza da píllara, como a prohibición de animais domésticos, o tránsito con cabalos, a práctica do kite buggy, o aeromodelismo ou ala delta con motor, e, en xeral, calquera actividade que poida perturbar a vida da ave. Así mesmo, a limpeza debe realizarse minimizando a incidencia sobre o ciclo vital da píllara, e por iso en Carballo se realiza de xeito manual, e ademais nas zonas de cría non se permite a construción de paseos, pistas ou aparcadoiros, e o tránsito peonil debe quedar limitado a corredores definidos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.