Os dous novos parques infantís da Laracha abrirán nos próximos días

Ambos de similares características, contan con tres unidades de xogos, pavimento de caucho e peche perimetral cun valado de madeira

O Concello da Laracha está a crear dous novos parques infantís no Igrexario de Erboedo e no campo da festa de parroquia de Soandres.

Os novos equipamentos, que se prevé estean listos para abrir ao público nos próximos días, son ambos de similares características. Contan con tres unidades de xogos -columpios, balancín e tobogán-, cun pavimento de caucho que reforza a seguridade dos usuarios ao mitigar a intensidade de posibles impactos no chan por caídas e cun valado de madeira que forma o peche perimetral.

O alcalde, José Manuel López Varela, o concelleiro de Obras, Jesús Souto, e a edil de Educación e Xuventude, Patricia Bello, achegáronse ata ambos parques infantís para coñecer o resultado das actuacións que están a piques de rematar.

O Concello inviste preto de 30.000 euros procedentes integramente de fondos municipais na creación destes dous parques infantís nas parroquias de Erboedo e Soandres co propósito de que toda a cidadanía, tanto residentes nas zonas urbanas como en núcleos rurais, poidan dispoñer de espazos de esparexemento modernos e seguros para os máis pequenos nos que desfrutar dos xogos ao aire libre, fomentar a convivencia e potenciar as actividades saudables.

Desde o Concello estase a realizar unha aposta decidida pola modernización, renovación e ampliación dos parques infantís existentes, así como a creación de novos equipamentos. Recentemente abriuse ao público o segundo parque infantil da praza O Recreo da Laracha e previamente habilitárase un novo en Lemaio e melloráranse os situados no parque Maximino Canedo, nos tres colexios e no campo da feira de Paiosaco.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.