Os socialistas de Lugo denuncian “o panorama desolador da atención primaria na provincia”

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo reclamará ó Goberno galego no vindeiro Pleno a través dunha moción que adopten solucións inmediatas, como “unha convocatoria extraordinaria de  especialistas en medicina de familia para resolver as deficiencias xeradas no  sistema sanitario durante o verán”

O Partido Socialista denuncia o panorama desolador da Atención Primaria na provincia de Lugo, que a Xunta ten baixo mínimos, co conseguinte prexuízo para os veciños e veciñas, e propón solucións. Por iso, o grupo provincial do PSdeG na Deputación de Lugo reclamará ó Goberno galego no vindeiro Pleno a través dunha moción que adopte medidas inmediatas, “como unha convocatoria extraordinaria de especialistas en medicina de familia para resolver as deficiencias xeradas no sistema sanitario, sobre todo durante o verán”.

O PSdeG solicita “que se cubran as baixas, os períodos de vacacións e as xubilacións, e que se remate a práctica de parcheo consistente en pechar puntos de atención médica nuns sitios para derivar ó seu persoal a outros centros, como aconteceu na nosa provincia. Concretamente o Executivo do PP pechou os centros de saúde de Castro, en Carballedo; o de Parga, en Guitiriz; o de Castro de Rei; e o de Baamonde, en Begonte, como xa denunciamos no Parlamento con diversas iniciativas. Esta é a caótica situación sanitaria que nos deixa o PP”, insisten.

Exemplo de Cervo

Así mesmo, lembran os casos recentes de Cervo, Sarria e Barreiros, onde os veciños e veciñas se están mobilizando para reivindicar uns servizos suficientes e dignos. No caso de Cervo, o centro de saúde de San Cibrao tiña tres médicos, pero fóronse xubilando e só queda un; mentres o centro de Cervo tamén ten só un médico. Agora, a Xunta pecha dous días á semana o centro de Cervo, para que o seu médico vaia a San Cibrao e obriga a todos os pacientes a desprazarse alí. “Este é o modelo do PP, parchear, recortar sen aportar medidas e solucións eficaces e estruturais”, afirman dende o PSdeG.

Proceso de diálogo cos profesionais

O partido explica que a través da propostas que levarán ó Pleno da Deputación queren que se abra un proceso de diálogo cos profesionais do sistema sanitario “para deseñar conxuntamente ofertas de emprego con criterios de discriminación positiva no deseño das OPE, co fin de cubrir as prazas que necesitan tanto os hospitais comarcais como o conxunto de centros do sistema sanitario no rural”; que se abra un proceso de diálogo co persoal titor para incrementar o número de prazas de formación que oferta Galicia e que  a Xunta se comprometa a convocar todas as prazas MIR convocadas polo Goberno do Estado.

Sobreesforzo do persoal sanitario

O Grupo Socialista da Deputación de Lugo quere deixar constancia unha vez máis da profesionalidade e do sobreesforzo de todo o persoal da sanidade pública lucense e galega. As súas demandas, coma as queixas que presentan os e as pacientes, non poden ser ignoradas por un executivo autonómico que carece dun modelo  sanitario racional que de resposta ás necesidades da poboación de Lugo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.