Rego urxe paralizar as obras autorizadas por Costas na praia da Marxa para salvar o cultivo de marisco

Defende os intereses da Confraría de Pescadores do Cabo da Cruz e reclama consensuar un plan de actuación que permita conciliar a conservación da produción non afectada e a realización das obras de instalación de tubaxes

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, traslada ao Goberno a necesidade de paralizar as obras na Marxa, parroquia do Castro no Concello de Boiro, que foron autorizadas pola Demarcación de Costas do Estado. Rego require ao Ministerio de Transición Ecolóxica que escoite as reclamacións da Confraría de Cabo de Cruz e acorde un plan de actuación coas mariscadoras para conciliar a conservación da produción de marisco que aínda non está afectada coa instalación da tubaxe. Así mesmo, reclama realizar unha avaliación dos danos causados para proceder á reparación ou indemnización aos mariscadores e mariscadoras afectados polas obras.

Nunha zona do litoral no Concello de Boiro, máis concretamente na parroquia do Castro –na Marxa-, estanse a realizar unha serie de actuacións consistentes na colocación de tubaxes que parecen contar coa autorización da Administración estatal de Costas. Con todo, a concesión dese permiso non tivo en conta que afectaría de maneira negativa ás mariscadoras e mariscadores da zona, xa que a Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz de Boiro ten atribuídas –mediante concesión administrativa da Xunta- a explotación para o cultivo e extracción de marisco bivalvo.

Ante esta situación que está a provocar estragos na actividade marisqueiras e a prexudicar negativamente aos mariscadores, a frente nacionalista rexistra de urxencia unha iniciativa para que o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico paralice de maneira inmediata as obras autorizadas na praia da Marxa. “O MITECO ten que escoitar as reclamacións da Confraría de Cabo de Cruz e acordar coas mariscadoras e mariscadores un plan de actuación que permita conciliar a conservación da produción aínda non afectada e a realización das obras para a instalación da tubaxe de captación de auga” destaca o deputado.

“A Demarcación de Costas en ningún momento se puxo en contacto ou realizou comunicación algunha á Confraría informándoa sobre a realización das obras ou de cando se ía a dar comezo ás mesmas. Isto impediu que os mariscadores e mariscadoras puidesen realizar actuacións que permitisen salvar a produción de bivalvos no areal, ou un plan de coordinación que permitise protexer os dereitos e intereses da Confraría” afirma Néstor Rego tras coñecer o sucedido.

De facto, desde a noite do xoves, os mariscadores e mariscadoras estiveron tentando salvar a súa produción, por iso comezaron a extraer o bivalvo da zona, ameazado pola entrada de maquinaria pesada na praia.

“Será necesario avaliar os danos causados á produción acuícola e marisqueira por autorizar a entrada na concesión de maquinaria pesada e a escavación na area coa que destruíron gran parte dos bivalvos, e proceder así á súa reparación e indemnización” demanda o deputado do BNG. Para Rego, resulta incomprensíbel que desde Costas “non se tivese en conta a necesidade de coordinar coa Xunta, competente na concesión administrativa para a extracción de marisco, ou coa propia Confraría a autorización para realizar escavacións con maquinaria pesada na praia”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.