Situación actualizada dos lumes forestais en Galicia

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais con datos recollidos ata a mañá de hoxe

A Pobra do Brollón

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde as 20,37 h. do xoves e afecta unha superficie provisional de 550 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 2 técnicos, 9 axentes, 18 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 4 avións.

Folgoso do Courel

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Seceda. Este lume iniciouse á 1,40 h. de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 700 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 8 axentes, 14 brigadas, 4 motobombas, 2 avións e 2 helicópteros. Neste lume está participando a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse ás 20,42 h. do xoves e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 3 técnicos, 10 axentes, 19 brigadas, 11 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Permanece tamén activo o outro lume de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que comezaba o xoves ás 20,25 h. da tarde. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 250 hectáreas provisionais. No seu control traballaron ata o momento 14 axentes, 15 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 4 helicópteros.

Quiroga

Permanece activo desde as 20,29 h. do xoves o incendio no concello lucense de Quiroga, parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 12 axentes, 11 brigadas, 11 motobombas, 1 pa e 4 avións.

Segue activo desde as 11,42 h. de onte outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 180 hectáreas provisionais. Ata o momento levan traballado nel 2 axentes, 4 brigadas, 2 motobombas e 2 helicópteros.

Continúa activo un terceiro incendio forestal en Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciou ás 12,42 h. de onte e afecta unhas 90 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 2 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas e 2 avións.

Vilariño de Conso

Segue activo, desde as 6,57 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 95 hectáreas provisionais dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 1 técnico, 3 axentes, 16 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 2 avións e 5 helicópteros.

Carballeda de Valdeorras

Permanece activo desde as 22,09 h. do xoves o incendio da localidade ourensá de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que afecta unha superficie estimada de 800 hectáreas provisionais. No seu control levan participado en total 3 técnicos, 10 axentes, 26 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 2 avións e 3 helicópteros.

Rodeiro

Controlado ás 2,42 h. da madrugada o lume que estaba activo desde as 20,56 h. do xoves no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Guillar. Segundo as últimas estimacións provisionais, rolda as 200 hectáreas provisionais. Ata o momento levan traballado nel 2 técnicos, 9 axentes, 25 brigadas, 16 motobombas, 3 pas e 2 helicópteros.

Baiona

Extinguido ás 00,53 h. da madrugada o lume do concello pontevedrés de Baiona, parroquia de Baredo, que se orixinara ás 00,39 h. de onte. Segundo as últimas medicións efectuadas, afectou unha superficie de 46 hectáreas arboradas. No seu control traballaron en total 1 técnico, 5 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas e 1 pa.

Melón

Continúa controlado desde as 19,34 h. de onte o lume rexistrado no municipio ourensán de Melón, parroquia de Quins, que se orixinou ás 22,38 h. do martes. Segundo as últimas medicións, afecta unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. No seu control participaron ata o de agora 20 axentes, 31 brigadas, 27 motobombas, 4 pas, 6 helicópteros e 3 avións.

Ribadavia

Permanece estabilizado desde as 14,29 h. do xoves o lume rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia de Ribadavia, que comezara ás 22,11 h. do luns. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. Para a extinción deste lume lévanse mobilizado 2 técnicos, 30 axentes, 61 brigadas, 44 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 5 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.