Treixadura celebra a Treixaromaría, unha festa celebración de balde para o seu público

Con motivo do seu novo traballo Camiño longo no que celebra o seu 30 aniversario, o grupo participa xunto a TVG nunha gravación de televisión no que interpretarán dez dos seus temas máis emblemáticos. Esta actuación, que terá lugar na Illa de Arousa o xoves 7 de xullo a partir das 16 horas, contará con varios artistas convidados
30 anos non se cumpren todos os anos e por isto, Treixadura participa mañá xunto a TVG na Treixaromaría, unha celebración en directo co seu público aproveitando a gravación dun programa de televisión.
Será aberta ao público ata completar aforo no lugar do Portiño, na Illa da Arousa, a partir das 16 horas. Nesta actuación Treixadura interpretará dez dos seus temas máis emblemáticos, algúns deles xunto coa Banda de Música Municipal de Ribadumia. Porque para esta especial cita, Treixadura contará con a participación doutras formacións e grupos.
De feito, nesta Treixaromaría tamén se darán cita Escuchando Elefantes, para colaborar nunha versión acústica de “Adios Ríos, Adios Fontes”, o grupo Monoulious DOP que cantará “Quero morrer en Jalisia” e “Candela” e Os Vacaloura co seu tema “Quero ser Miro Pereira”. Participarán entre o público “Os Amigos de Xil” que animarán aos asistentes acompañando coas súas voces no Portiño e “Aires da Illa”, agrupación de cantos de taberna, que seguirán a Romaría desde un galeón no mar e tamén ambientarán a festa desde alí.
En palabras de Xaquín Xesteira, membro fundador de Treixadura, “a Treixaromaría será festa aberta e participativa, un agasallo para o noso público, á que poderá vir cantar quen queira. Treixadura estará moi preto do público, a pé de rúa e sen escenario, polo que a interacción será moito máis directa. Unha proposta que quere recuperar o espírito das festas populares e devolver ás persoas que nos seguen unha parte do agarimo que nos dan en cada actuación”.