Tres bandeiras azuis e o certificado EMAS avalan a calidade ambiental e dos servizos nas praias de Carballo

O alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente participaron no izado das bandeiras

A Bandeira Azul volve a ondear nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo como símbolo da boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que prestamos aos usuarios e usuarias. A calidade ambiental e a excelencia na prestación dos servizos son os eixos arredor dos que xira a acción da Concellaría de Medio Ambiente, e por iso en Carballo tamén ondea nas nosas praias outra bandeira, a do Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que implica un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e a atención aos usuarios e usuarias.

Un ano máis, este sábado izamos as bandeiras que simbolizan os valores do noso litoral. No acto participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales; o coordinador de Protección Civil, Javier Souto, e unha representación da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e da Unidade de Salvamento Acuático, aos que se sumou en Razo o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

Co obxectivo de seguir impulsando o aproveitamento sostible da nosa franxa costeira, ao longo do verán tamén se levarán a cabo outras actividades. Despois do obradoiro de restauración da píllara de vimbio de Razo, hoxe arrincou o programa “eu quero Razo-Baldaio” cun obradoiro de iniciación á ornitoloxía que resultou un éxito de participación, con 40 persoas inscritas. A próxima actividade será este mércores, pero se queres coñecer todas as citas previstas para o verán e reservar praza só tes que entrar aquí.

A campaña anual de volei-praia, que tamén presentaron onte, ou a Praia dos Libros, que abrirá as súas portas en breve, son outras propostas para gozar do verán nas nosas praias xunto co surf, a pesca deportiva ou o baño. Neste sentido as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria remitida pola Consellería de Sanidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.