Un verán do máis activo da Asociación Cultural Entroido de Sande

Cine, obradoiros e ruta nocturna para desfrutar en familia. A recuperación da malla tradicional, o máis novidoso

A Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande preparou unha serie de actividades para o verán, tempo no que a localidade de Sande, Concello de Cartelle, aumenta a poboación debido aos numerosos veciños e veciñas que aproveitan o seu tempo de lecer para voltar a súa terra e compartir tempo coa familia e os amigos de sempre.

O cartel de actividades inclúe tres sesións de cine na rúa (días 22 de xullo, 5 e 19 de agosto) nos que os asistentes poderán desfrutar dunha película para tódolos públicos acompañada de flocos de millo.

A parte pensada especialmente para a cativada, inclúe xogos de auga con diferentes probas nas que moi poucos se poderán librar de levar unha molladura. Tamén nesta xornada do día 29 de xullo, haberá merenda e algunha que outra sorpresa.

As manualidades de verán sorprenderán a todos co resultado final que non podemos desvelar, e os xogos de mesa, actuáis e clásicos, cunha mesa doce, fará que as tarde dos domingos 31 de xullo e 7 de agosto sexan do máis entretidas.

Para dar fin ao verán, o día 2 de setembro a proposta será unha ruta nocturna por diferentes espazos de Sande. Unha maneira diferente de coñecer o noso pobo a través de pistas que aseguran a diversión. Para esta proba os cativos deberán ir acompañados dun adulto. Para repoñer forzas, habera petiscos finais.

Recuperación da malla

Antigamente, como en tantas localidades da nosa Galicia, a malla era considerada case unha festa. Un momento de unión, de axuda entre veciños, algo de música e gastronomía para compartir o que había.

Neste ano, dende a Asociación sementamos centeo e trigo co fin de recuperar esta tradición. Produtos que xa están listos para facer a sega este sábado, día 23. Unha vez segado, tocará poñelos a secar e, o día 6 de agosto facer a malla. Nese senso, tamén se elaboraron de xeito artesanal os manles cos que se realizaba a malla antiguamente.

Un non parar

Seguindo co afán de que os máis novos coñezan as nosas tradicións, e cerrando un círculo, este ano dende a Asociación tamén se comprou un porco, que non poderá ser alimentado por todos os veciños, como era a tradición. O coñecido en tantos lugares de Galicia como “o porquiño de San Antón” que vivía en liberdade polas rúas da aldea.

A alimentación si se fará con ese centeo e trigo sementado, ademais de remolachas, cabaciños, cabazas, patacas… que van doando os veciños para que non lle falte de nada.

Cando chegue a hora da matanza, elaboraranse chourizos de carne e cebola, ademais do tradicional aproveitamento do animal, e, tras curalos e afumalos, a idea é facer un cocido no que poidan participar todos aqueles que o desexen. Está será a antesala do Entroido, unha festividade que en Sande comezaba co San Antón.

E todo sen esquecer as participacións das Bonitas nos desfiles, como o do pasado día 9 de xullo en Cobres e, o vindeiro día 3 de setembro, en Santiago, no gran desfile de entroidos tradicionais que se celebra na capital de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.