Vilalba Aberta propón a implantación en Vilalba das FP de Agraria e procesos e calidade na industria alimentaria

A formación defenderá no Pleno unha proposta á Xunta, a fin da ampliación da oferta formativa aos “dous ciclos que mellor atenden á realidade dun    concello agrario e que conta, ao tempo, con dúas das máis grandes empresas de transformación de leite”

Os edís de Vilalba Aberta, Modesto Renda e Mª Xosé Fernández, presentaron hoxe unha nova iniciativa, a fin da implantación en Vilalba de dous novos ciclos de formación profesional, isto é; o curso F.P de Agraria e o de Procesos e Calidade na Industria Alimentaria.

A proposta, que insta ao Concello a elevar unha solicitude á Xunta “conxunta e asinada polos voceiros dos tres partidos representados na corporación”, atopa fundamento nas posibilidades que, en termos de formación e de inserción de emprego, suporía para a mocidade vilalbesa a posta en marcha dos “dous ciclos que mellor atenden á realidade dun concello eminentemente agrario e que se caracteriza, ao tempo, por contar con dúas das mais importantes empresas de transformación de leite”.

“A nosa reivindicación parte da imperante necesidade de facer competitiva a estrutura produtiva do Concello, ao tempo que se melloran ás condicións de empregabilidade dun segmento de poboación, a mocidade, líder involuntario de todas as clasificacións de datos de paro e para o que Formación Profesional se concibe coma unha ferramenta imprescindible”, explicou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda.

Unha opinión compartida por Mª Xosé Fernández, quen chamou a adaptar ao Concello de Vilalba a unha contorna laboral que mudou definitivamente nos últimos anos e que se atopa reflectida en recentes estudos, tales como o realizado pola OCDE “As competencias máis aló da escola”, e que xa estiman que nos próximos anos preto de dous terzos do crecemento no emprego terá lugar na categoría de técnicos titulados de Formación Profesional en Grao Medio e Superior.

TRABALLAR NO MEDIO E LONGO PRAZO PARA FACER DO CONCELLO DE VILALBA A “CAPITALIDADE DO SECTOR AGROALIMENTARIO DA PROVINCIA”

Para VA, o futuro nosas explotacións está en risco, en tanto que “non resulta fácil a substitución xeracional sen a necesaria e oportuna formación.” Unha formación, lembran, sen a cal o traballo agrario está “inxustamente infravalorado.”

“Neste senso se entende tamén a iniciativa, a fin de poñer en valor o traballo agrario para que os mozos/as o vexan como unha oportunidade de futuro e se recupere o interese por continuar coas actividades iniciadas polo seus pais e/ou avós, modernizándoas e adaptándoas a unha novas tecnoloxías que as fagan competitivas no contexto actual”, argumentou Renda.

Unha visión, que dende Vilalba Aberta fan extensiva ás potencialidades do outro ciclo que pretenden importar, isto é: o de Procesos e Calidade na Industria Alimentaria, e que pola vía da específica formación en tarefas de xestión da produción, organización, control, investigación, así coma no que ten que ver co desenvolvemento, calidade e seguridade alimentaria; suporía, do mesmo xeito, a tan necesaria adaptación da oferta formativa ás verdadeiras necesidades produtivas do tecido empresarial de Vilalba.

“Cómpre traballar a medio e longo prazo, con vistas a facermos de Vilalba un referente do sector agroalimentario, en base a unha crecente densidade gandeira, ao repunte e consolidación da produción ecolóxica e de proximidade e á calidade innovadora dunhas explotacións, que se conciban competitivas ao tempo que respectuosas co medio ambiente”, concluíron.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.