Visitas nocturnas á Torre de Hércules durante os xoves de xullo

Os días 7, 14, 21 e 28 poderase visitar o faro romano en horario nocturno. As entradas estarán á venda no Centro de Interpretación e Atención ao Visitante (CIAV) coas tarifas habituais

Despois do éxito das visitas nocturnas organizadas na Torre de Hércules polo 12+1 aniversario no Patrimonio Mundial da UNESCO, esta iniciativa regresa ao monumento. Durante os xoves de xullo, os días 7, 14, 21 e 28, poderase acceder ao faro en horario nocturno cunha visita guiada.

As entradas poderanse adquirir só de xeito presencial e estarán á venda no CIAV, cada día desde as 09.45 horas. Aplicaranse as tarifas habituais, cun custo de 3 euros a xeral e 1,50 euros a reducida. Só haberá unha visita nocturna cada xoves e a capacidade estará limitada a 20 persoas por día.

As persoas que asistan á visita guiada deberán estar no CIAV o propio día ás 20.45 horas. A actividade comezará ás 21.00 horas e terá unha duración aproximada de dúas horas. A visita inclúe unha explicación de parte do parque escultórico, do propio interior da Torre de Hércules e finalizará coa saída ao balcón do faro.

Recoméndase ás persoas asistentes que acudan con roupa de abrigo ou choiva en caso de mala previsión meteorolóxica.

Éxito nas visitas nocturnas polo aniversario

Co gallo do aniversario da entrada no Patrimonio Mundial da UNESCO, a Torre de Hércules organizou xa dúas visitas nocturnas guiadas, a primeira delas o 27 de xuño, cando se cumpriron 13 anos desde a obtención da distinción, e a segunda esa mesma semana, o día 30.

En ambos os casos a convocatoria foi un éxito, chegando a completar a capacidade nas dúas ocasións. As persoas asistentes puideron descubrir o faro máis antigo do mundo desde unha perspectiva distinta e coñecer máis sobre a historia do monumento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.