Xosé María Arias. «Os gandeiros de Castroverde recibiron un millon de euros do Goberno Central. ¿Onde están as axudas da Xunta?

O Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, remarcou hoxe que os gandeiros e gandeiras do seu concello percibiron axudas do Ministerio de Agricultura do Goberno de Pedro Sánchez por un importe total de cerca de un millón de euros, destinadas a paliar os efectos das subas dos prezos do gasóleo, os fertilizantes e sobre todo a dos cereais, consecuencia da guerra de Putin en Ucraína.

Son achegas económicas, explicou o rexedor, que se conceden segundo o número de cabezas produtoras en cada gandería. Só na comarca de Lugo estas axudas supuxeron unha inxección económica para as ganderías de practicamente 5,4 millóns de euros, unha cantidade que, no conxunto da provincia, superou os 25 millóns de euros, que ingresaron 2.835 explotacións de leite.

Ademais, hai que lembrar que dende o Goberno do Estado mobilizou outros 155 millóns de euros para dar axudas aos produtores de vacún, ovino, caprún, avícola e cunícola, que debe tramitar a Administración autonómica.

O Alcalde de Castroverde, que tamén é gandeiro, incide en resaltar o peso social e económico fundamental que ten o sector primario na provincia de Lugo, “que é eminentemente gandeira”. “O leite e a carne son moi importantes, especialmente no noso concello e na nosa economía, e queda demostrado que quen asumiu as competencias durante a pandemia do COVID, como neste caso foi o Goberno do Estado, tivo tamén que impulsar medidas económicas para facerse cargo da situación e das demandas das explotacións gandeiras na provincia. E mentres a Xunta prosegue de espectadora, sen presentar unha soa proposta e sen aportar un só euro”, remarcou.

“Ademais, os preto dun millón de euros das axudas que recibiron os gandeiros e gandeiras de Castroverde, sei que van repercutir directamente na economía do meu concello, nas súas tendas, no seu pequeno comercio e nos seus almacéns. Son cartos que contribúen a estabilizar os nosos proxectos de futuro no rural e nas nosas casas, para poder vivir e traballar no rural”, explicou o rexedor.

Desta forma, Xosé María Arias preguntouse “onde están as axudas da Xunta de Galicia e do goberno do PP para os gandeiros? Ou é que só visitan as explotacións para a foto e campaña electoral? Onde están aqueles gandeiros, supostamente arruinados, para reclamar estas axudas públicas? Quero que a veciñanza do meu pobo saiba que o investimento da Xunta foi de cero euros para as súas explotacións”, dixo Arias.

Gobernantes ausentes

O Alcalde sinala que o panorama e a xestión do Goberno do PP en Galicia “son completamente desoladoras”. “Temos uns gobernantes completamente ausentes dos problemas reais do país, cunha desolación territorial, onde seguen sen rematar as concentracións parcelarias e as parcelacións, onde padecemos un envellecemento poboacional moi acusado, e toda esta situación ten consecuencias como acabamos de comprobar cos incendios forestais no sur da provincia. Galicia vive un abandono sen precedentes”, asegurou.

Foto. Campo Galego

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.