A Coruña celebra a 25 edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’ con máis de 20 artistas convidados

Con motivo dos 25 anos realizouse un selo conmemorativo coa imaxe de ‘Viñetas desde o Atlántico’, deseñada por Miguelanxo Prado

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a 25 edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’, unha das citas de referencia do cómic do panorama nacional que terá lugar na Coruña entre o 8 e 14 de agosto. Na presentación estiveron presentes José Luis Rey, Presidente da Sociedade Filatélica da Coruña; Francisco Javier Varela Castro, director da Oficina Provincial de Correos na Coruña e Miguelanxo Prado, director de «Viñetas desde o Atlántico».

Nesta 25 edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’, A Coruña acollerá a un total de 21 debuxantes convidados para expoñer as súas obras na cidade, achegando o mellor talento da banda deseñada á cidadanía. Entre os nomes dos convidados e convidadas atópanse referentes do manga español como Fidel de Tovar e Dani Bermúdez e novelistas gráficas como as galegas Alicia Jaraba ou Emma Ríos. “Unha mestura de artistas noveis e talentos consolidados nunha aposta polo pasado, o presente e o futuro da arte do cómic”, sinalou Miguelanxo Prado. Pola súa parte, Inés Rey quixo destacar a aposta do Concello da Coruña pola banda deseñada, “unha arte con moita raíz coruñesa que neste cuarto de século fíxonos vivir historias e historietas coas que o público gozou da literatura dunha forma diferente”.

Ás exposicións situadas no Quiosco Alfonso, Palexco, Sala de Exposicións do Pazo de María Pita ou o Aquarium Finisterrae, que acollerán as mostras dos e das artistas convidadas, sumarase a emblemática Torre de Hércules. O monumento será escenario dunha exposición cos carteis das 25 edicións de ‘Viñetas desde o Atlántico’ coa que o público poderá repasar a historia do tradicional evento “nunha edición que pretende ser o resumo de todos estos anos, recollendo a esencia e filosofía nunha mostra única en España”.

Ademais, na sala de exposicións Salvador de Madariaga levarase a cabo un ano máis a exposición ‘Nós seis’ de Julia Lago, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada. Xunto a ela estará a exposición ‘María Casares. En tres actos’, aberta ao público a pasada semana e que recolle unha mostra do cómic homónimo editado polo Concello sobre a vida da actriz, nunha aposta do Goberno de Inés Rey pola banda deseñada para a divulgación da figura da artista no marco do Ano Internacional María Casares.

Como novidade nesta 25 edición estrearase unha nova figura, a de Esther, a personaxe deseñada por Purita Campos, que pasará a formar parte do elenco que percorre as rúas para animar aos máis pequenos a coñecer as ‘Viñetas’. Batman, Spiderman, Astérix e Obélix ou Pitufina terán unha compañeira máis a partir deste ano, recuperando unha das figuras do cómic máis recoñecidas. “Esther foi unha referente femenina para moitas nenas, mozas e mulleres que se vían reflexadas nas súas historias, relacións sociais e a incorporación ao mundo laboral da muller naquela época tan dura” sinalou a rexedora.

Selo conmemorativo 25ª edición ‘Viñetas desde o Atlántico’

Co gallo da celebración dos 25 anos do salón, ‘Viñetas desde o Atlántico’ terá un selo conmemorativo de Correos España. O distintivo recolle a imaxe da edición deseñada polo seu director e debuxante Miguelanxo Prado, co obxectivo de celebrar a conmemoración desta data.

A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu a colaboración de Correos pola edición dedicada ao 25 aniversario, “un enorme aliciente para os afeccionados á filatelia e que non deixa de ser unha proba máis da singularidade e importancia do noso salón”. Ademais, a rexedora aproveitou para agradecer a Miguelanxo Prado o seu traballo á fronte do Salón estes 25 anos “facendo que hoxe A Coruña sexa un dos salóns de referencia do panorama nacional e internacional, con artistas e visitantes chegados dende o estranxeiro demostrando que a banda deseñada xa botou raíz na Coruña”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.