A Coruña supera o 95% de ocupación hoteleira nos meses de xullo e agosto

A cidade da Coruña supera estes meses de xullo e agosto o 95% de ocupación hoteleira, mentres que no mes de xuño esta foi do 90%. O goberno local destaca o bo comportamento da cidade a nivel turístico que reflicte o regreso á normalidade do sector tras a pandemia.

A programación cultural da cidade e o seu atractivo turístico están detrás destes datos e sitúan á Coruña como unha referencia no noroeste peninsular. A celebración de San Xoán, Festa de Interese Turístico Internacional, que volveu á praia tres anos despois, foi o evento máis atractivo do inicio do verán.

En xullo tamén houbo celebracións multitudinarias como o Morriña Fest, que supuxo o regreso dos concertos ao estadio de Riazor tras 29 anos. O festival contou con grandes estrelas internacionais como Black Eyed Peas ou Maluma e rexistrou 25.000 asistentes cada un dos dous días. Ademais, o Coliseum volveu a ser un dos recintos de referencia nacional coas actuacións de Rosalía, Joan Manuel Serrat ou Camilo, que encheron o recinto municipal. A oferta cultural expandiuse pola cidade co Atlantic Pride, nos xardíns de Méndez Núñez, ou a Feira das Marabillas, na Cidade Vella. As ocupacións aéreas do aeroporto de Alvedro no mes de xullo rondaron tamén o 90%.

Este mes de agosto a celebración das Festas de María Pita está supoñendo un enorme incentivo para o turismo, que vive estes días o seu punto álxido grazas a unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia.

Ducias de milleiros de persoas pasaron cada noite polos concertos de María Pita, sendo o de Texas o máis multitudinario con 29.000 espectadores. Do 12 ao 16 de agosto coincidindo coa celebración do Noroeste a previsión de ocupación hoteleira é do 97%.

O Goberno municipal de Inés Rey destaca que os datos poñen de manifesto o bo funcionamento da estratexia turística e cultural implantada coa celebración de grandes eventos a nivel nacional como eixo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.