A Deputación e COGAMI promoven a inserción laboral de 500 persoas con discapacidade na provincia

Valentín González Formoso e Anxo Queiruga reuníronse na sede da Deputación e incidiron na continua mellora dos datos que ano tras ano ten o Servizo de Intermediación Laboral

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, reuníronse na sede da institución provincial para presentar a actividade que leva a cabo a entidade, co apoio da administración provincial, en favor das persoas con discapacidade para a súa inclusión social e laboral.

Valentín Formoso e Anxo Queiruga analizaron os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL) no que vai de 2022, un programa que conta co apoio económico da Deputación, facilitando a inserción laboral de 500 persoas con discapacidade na provincia da Coruña, e promovendo 1.611 sesións de orientación.

O presidente da Deputación da Coruña destacou a “importancia da labor que levan a cabo en COGAMI, ofrecendo ás persoas usuarias unha ampla variedade de servizos” e eloxiou “os datos de inserción laboral que acada o SIL, mellorando ano tras ano”. “Exercedes un papel fundamental para un colectivo que ten especiais dificultades para acceder ao mundo laboral”, afirmou.

Pola súa parte, Anxo Queiruga, agradeceu o apoio prestado pola Deputación ao servizo de orientación e intermediación laboral e explicou que “COGAMI está presente nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago, onde contamos cun equipo de orientación laboral formado por 12 profesionais, pero tamén nos desprazamos ata os municipios de ámbito rural para atender as necesidades das persoas destas zonas”.

Base de datos con 8.000 demandantes de emprego

Durante o primeiro semestre deste ano, o servizo de emprego de COGAMI realizou 265 novas entrevistas a persoas con discapacidade que entraron a formar parte da súa base de datos como demandantes de emprego e/ou formación.

A día de hoxe, COGAMI conta cun total de 7.931 persoas inscritas na base de datos na provincia: 3.175 en A Coruña; 2.180 en Ferrol 2.576 en Santiago. Dentro de servizo de intermediación laboral realizáronse tamén 1.611 orientacións laborais e houbo un total de 500 persoas con discapacidade inseridas no mercado laboral.

Ademais do servizo de intermediación laboral, ofrecen servizos de formación cara ao emprego, información, asesoramento, orientación, desenvolven programas de promoción da autonomía persoal, de sensibilización e concienciación, programas específicos destinados á muller con discapacidade, asesoran en accesibilidade, promoven actividades de lecer e deporte inclusivo, xestionan asistencia persoal, fisioterapia  e contan con centros de recursos con servizos de apoio.

Once centros especiais de emprego

COGAMI conta tamén con 11 centros especiais de emprego, a maioría destes situados en Santiago, que empregan a un total de 701 persoas, o 88% destas con discapacidade e operan en sectores de coidado medioambiental, alimentación, consultaría e transporte. Na provincia de A Coruña están estas iniciativas empresariais:

  • Galega de Economía Social, a matriz do grupo empresarial COGAMI dende a que se impulsan as políticas e estratexias que afectan ao grupo ademais de ofrecer servizos de consultaría e asesoría. Traballan 24 persoas.
  • Coregal de xestión integral de residuos non perigosos con 195 persoas traballadoras nos centros de traballo situados en Carballo, Boiro, Santiago e Mos, ademais de xestionar  11 puntos limpos.
  • Dixardín, servizos integrais xardinería e paisaxismo con 51 persoas traballadoras.
  • Trameve, centro autorizado de tratamento de vehículos fóra de uso por sinistro ou fóra de vida útil. Traballan 11 persoas.
  • Cualicar empresa dedicada á venda de vehículos seminovos. Dúas persoas contratadas.
  • Accede, servizo de transporte adaptado posibilitando o transporte de grupos de persoas con discapacidade ou en situación de dependencia, onde traballan 61 persoas nos centros situados en Santiago e Mos.
  • Hornos de Lamastelle dedicada á fabricación e distribución dentro e fóra de Galicia de empanadas, tarta de Santiago e produtos de repostería. Traballan 97 persoas.
  • Alentae, xorde como marca comercial a finais de 2020 e dedicada á fabricación e venda de máscaras cirúrxicas onde traballan 20 persoas.
  • Activa Social, empresa de traballo temporal co obxectivo de conseguir igualdade de oportunidades laborais. Conta con 26 persoas traballadoras.
  • Combina Social, ten como actividade principal dar resposta ás necesidades de empresas e administración pública na organización e xestión de servizos de outsourcing. Traballan 187 persoas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.