A Deputación subvenciona con 20.000 € a revitalización dos recursos e servizos turísticos do Concello de Laxe en 2022

“Desde Turismo da Deputación seguimos apostando por fomentar a colaboración coas administracións locais para o desenvolvemento de proxectos comúns que contribúan á mellora dos recursos turísticos provinciais”, sinalou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, na sinatura do acordo

A Deputación da Coruña subvencionará con 20.000 euros a revitalización dos recursos e servizos turísticos do Concello de Laxe en 2022. O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde laxés,  José Luís Pérez Añón, asinaron o convenio, cuxa achega permitirá o financiamento da programación de actividades de turismo activo (como piragüismo, paddle surf, sendeirismo, zumba, pilates e ioga) e outras propostas socioculturais, educativas, ou medioambientais. O proxecto tamén contempla a edición e deseño gráfico de publicacións, cartelaría, folletos e guías; accións de márketing en liña e contratación de relatores, técnicos e profesores.

“Desde Turismo da Deputación seguimos apostando por fomentar a colaboración coas administracións locais para o desenvolvemento de proxectos comúns que contribúan á mellora dos recursos turísticos provinciais”, sinalou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, na sinatura do acordo.

“O interese público deste proxecto”, engadiu, “queda acreditado tamén ao garantir que non terá efectos prexudiciais sobre a biodiversidade nin sobre os ecosistemas. En particular pretende protexer os espazos naturais, marítimos e terrestres, contemplados como elementos prioritarios e distintivos da política turística municipal”.

O municipio está directamente vinculado a un sector que se considera esencial dentro das políticas públicas do Concello de Laxe, en base á súa declaración oficial como Municipio Turístico Galego, aos índices crecentes tanto de demanda coma de oferta turística, e ao peso obxectivo que este sector ten sobre a economía local.

“Este proxecto”, saliente Regueira, “polas súas concretas características no relativo ao ámbito e alcance de actuación, ten un especial interese estratéxico para o Concello de Laxe e resulta imprescindible para dar cobertura ás necesidades da industria turística municipal na súa globalidade”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.