A Romaría de Santa Margarida pechará este domingo con grande afluencia de visitantes

Obradoiros de música e xogos tradicionais centrarán a actividade deste sábado

A Romaría de Santa Margarida tivo onte unha grande afluencia de público, na que foi a súa primeira xornada de este encontro tradicional e que terá o seu remate mañá coas actuacións de Arredores, Milladoiro e Xisco Feijoo.

A asistencia de público á Gran Noite de Folclore, desenvolta nun anfiteatro do parque abarrotado, foi onte masiva para seguir as actuacións dos grupos Cántigas da Terra, Maghúa, Aturuxo, Donaire e Son d’aqui, presentados e introducidos por Vero Rilo, condutora da gala.

Hoxe e mañá mesturaranse as actividades coa gastronomía, coa combinación ofrecida pola música e o baile cos diferentes postos de alimentos distribuídos polo parque e a celebración das numerosas reunións e comidas nos merendeiros existentes en Santa Margarida. Para iso, haberá obradoiros de música e baile, orientados a todos os públicos, mais de xeito especial, para os máis cativos e cativas, dentro do denominado Espazo Participativo de Música e Baile, que se desenvolve na explanada da Casa das Ciencias. A partir das 11.00 e ata as 13.30 horas, e desde as 17.30 ata as 18.15 horas, haberá diversos obradoiros de iniciación á percusión, baile tradicional, xogos populares, gaita, zanfona e frautas, cantos e pandeireta, nunha programación orientada aos máis pequenos pero aberta a todas as idades.

A música será a outra gran protagonista da xornada xa que haberá ata seis concertos ao longo do día. Pola mañá actuarán Pablo Díaz, que presentará os temas do seu libro «Coas miñas mans»; e a charanga tradicional Faíscas da Potranga.

Pola tarde, e xa a partir das 16.30 horas, Xavi Lozano fará un espectáculo innovador de música de vento con instrumentos atípicos como rodas de bicicleta. Ás 20.30 horas será a quenda do grupo folk Ailá, cunha proposta artística inspirada nas recollidas históricas dos cantos de transmisión oral de Galicia; para seguir con Caamaño&Ameixeiras, o dúo de músicas coruñesas que mesturan o violín e o acordeön; para rematar ás 23.30 horas coa música de Mercedes Peón.

A xornada do domingo abrirá ás 12.00 horas coa Banda Municipal de Música (BMMC), cun concerto na escalinata da Casa das Ciencias, para continuar coas actuacións en diversos puntos do parque de Os Gaiteriños e Pansenfron, para rematar a romaría coa música da pandeireta e gaita de Arredores e o folk de Milladoiro. Pechará a programación Xisco Feijoo, cantante, percusionista, bailador, coreógrafo e mestre de danza. Entre as 22.45 e as 23.00 horas, precisamente entre as actuacións de Milladoiro e Xisco Feijoo, terá lugar a tradicional sesión de fogos de artificio que pechará a romaría. Será, con todo, o concerto de Manu Chao o luns 29, ás 22.00 horas, no mesmo escenario do parque de Santa Margarida, o que peche a programación das festas de María Pita.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.