ACiP esixe a retirada dos restos de masa arbórea acumulados no entorno de Pardellas

Levan meses acumulados nun espazo natural rexenerado
“Nunha mostra máis da desidia do Goberno Local polo seu propio concello, vémonos na obriga de denunciar a situación na que se encontra o Espazo Natural Rexenerado de Pardellas, un terreo de titularidade municipal, no que o BNG e PSOE levan meses acumulando ramas secas e resto de podas” denuncian desde ACiP.
Dende Alternativa Ciudadana de Ponteareas esixen “a súa inmediata retirada, xa que como estamos a observar nos municipios da contorna, e no noso propio, a seca prolongada e as altas temperaturas, son un risco extremo para que se produza un incendio”.
Como sinala o concelleiro de ACiP, Luis Rodríguez, “non é de recibo que o Goberno todavía teña isto así, máis se cabe semanas despois de observar as tráxicas escenas de Guillade. Tal e como está Pardellas, existe unha absoluta facilidade de que as lapas o poidan converter nun auténtico polvorín, ao contar cunha inmensa masa forestal pegada”.
Os veciños e veciñas de Ponteareas están obrigados a ter en óptimas condicións as parcelas das que son propietarios, “co cal é aberrante que o bipartito continúe a senda da deixadez e nin tan sequera trate de dar exemplo en terreos baixo a titularidade municipal”.