Alento e sombra. Por @DulceCorcu

Dicía Sófocles que o ser humano é só alento e sombra, cousa que non imos discutirlle ao poeta grego, pero que nos serve para ilustrar, alomenos deportivamente, a Fran Figueroa. Coñecida e recoñecida a súa traxectoria á fronte do fútbol feminino na comarca e embarcado de novo na tarefa de facer medrar e consolidar ese deporte entre nenas e mozas. Esta vez, no Dumbría, nun Conco onde comeza a nacer o soño dun equipo sénior que poida saír a competir nesta Costa cada vez máis en clave feminina.

Pero Fran é pouco amigo de atribuírse méritos. De que o lembren por ser pioneiro, quizais unha palabra que detesta pero que o identifica, mal que lle pese. Cando botou a andar aquel proxecto das Miúdas, non é aventurar demasiado que o tomasen por tolo e que o abocasen ao fracaso máis rotundo nalgúns casos. Non foi así para sorpresa de moitos, que houberon de renderse ao acerto dunha aposta arriscada que hoxe brota por toda a nosa contorna noutros clubs. Alento e sombra porque esas son sempre as súas credenciais, a carón das xogadoras que non son súas, non son «as de Fran», expresións cotiáns das que fuxe como alma que leva o demo. Sombra mentres elas cobran o protagonismo que merecen, porque en definitiva son as que dan a cara, quen deixará a pel no terreo de xogo en cada partido mentres el só agarda que desfruten e imaxinen que o mundo pode ser todo delas a pouco que se o propoñan. Ese, en realidade, é o único soño que persigue Fran.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.