Arias aborda coas asociacións do Camiño de Santiago novas actuacións de seguridade nas rutas xacobeas de Lugo

O delegado territorial reuniuse hoxe con representantes das asociacións das rutas xacobeas para analizar e estudar os puntos perigosos de confluencia coas estradas autonómicas e avanzar nun camiño seguro e con garantías para os peregrinos

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe con representantes de asociacións dos Camiños de Santiago da provincia de Lugo para abordar novas actuacións no marco da iniciativa impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para mellorar a seguridade viaria en puntos da ruta que conflúen con estradas autonómicas.

Arias sinalou que se presentaron novas propostas de intervencións aos responsables das asociacións do Camiño co obxectivo de coñecer a súa opinión e que en base ao seu coñecemento da zona nos poidan facer aportacións de cara a actuar nos puntos onde máis se necesite”.

A través desta iniciativa de mellora da seguridade viaria na confluencia das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto actuar en varios puntos que discorren as 4 rutas xacobeas que atravesan a nosa provincia. O obxectivo é contribuír a reducir a perigosidade en zonas conflitivas e tamén mellorar a estética do Camiño nestes tramos, que serán máis agradables e cómodos para transitar a pé”, engadiu o delegado.

As intervencións que se prevén son acordes ás necesidades de cada treito e contemplan medidas como o reforzo da sinalización; a construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; a instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos e a pavimentación da ruta con pedra, entre outras.

Estes traballos darán continuidade ao plan de mellora da seguridade en tramos do camiño iniciado no ano 2021, ano no que a Xunta actuou en 36 puntos de 13 estradas autonómicas de Lugo, que supuxeron un investimento total de 466.800 euros.

Axudas ás asociacións do Camiño para a súa promoción

O DOG publica hoxe a resolución de axudas para entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación. No caso de Lugo, víronse beneficiadas a Asociación Amigos do Camiño Norte para a celebración das XV Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Lugo para desenvolver unha actividade de intercambio de experiencias de varias rutas de peregrinación no mundo, e o colectivo Egeria, cunha mostra itinerante sobre as rutas xacobeas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.