As traballadoras das Galiñas Azuis e demais servizos do Consorcio de IeB lamentan “a nula vontade política” para evitar a folga que paralizará os servizos no inicio do curso escolar

A folga convocada pola CNT paralizará os servizos 15 días ao mes de setembro a decembro
A folga que afectará ás Galiñas Azuis, centros de día, residencias e demais servizos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar está lonxe de evitarse. As traballadoras lamentan a nula intención política de negociar para evitar a parálise dos servizos que afectarán a máis de 5.000 familias en Galicia e acusan ás autoridades do ninguneo a uns servizos dos que non son usuarias.
No manifesto, publicado na páxina da CNT Galiza e nas redes sociais denuncian un desmantelamento encuberto, «O proceso selectivo que se está a negociar, non busca a estabilización do persoal e desmantelará os equipos de traballo. O resultado será a perda de capital humano, algo insubstituíble, e redundará na diminución irremediable da calidade do servizo».
En dúas semanas arrancará unha folga que afectará gravemente aos períodos de adaptación dos nenos e nenas que van por primeiro ano á escola, tamén ás rutinas das máis de 500 persoas maiores que fan uso dos servizos do Consorcio. A folga estenderase dende o 5 ao 16 de setembro, do 3 ao 14 de outubro, do 2 ao 11 de novembro e do 12 ao 23 de decembro.
No manifesto publicado polas traballadoras lembran tamén os puntos a negociar para acadar a resolución definitiva dun conflito que leva máis de catro anos na axenda, pero que ninguén parece ter vontade de solucionar. «As mulleres do Consorcio vémonos obrigadas a seguir adiante cunha folga durísima, que convocamos en xullo, e coa que queda en evidencia a absoluta indiferenza que mostran ante esta situación os seus responsables: Sr. Rueda, Presidente da Xunta de Galicia, Sra. Fabiola García, Conselleira de Política Social, Sr. Barreiro, Director Xeral de Función Pública e Sr. Perfecto, Xerente do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar».