Avia Veira pregúntalle ao Goberno local se implementou as políticas de vivenda que se aprobaron en pleno

Interpela o Goberno Local sobre a aplicación de varias mocións que recollían políticas de vivenda como a cesión de vivendas de propiedade do Estado ou da SAREB ao Concello ou medidas que se propoñía pór en marcha desde EMVSA

“Queremos saber se o Goberno Local está a aplicar as medidas propostas polo BNG no Pleno canto a políticas de vivenda e ás que o Goberno Local votou a favor. Hai mocións que se teñen aprobado por unanimidade, como a que propuña que o Goberno Local negociase coa SAREB a cesión das vivendas de propiedade desta sociedade na Coruña para incorporalas ao parque municipal e destinalas a aluguer; outras teñen prosperado co voto favorábel do Goberno de Inés Rey”, sinala a concelleira nacionalista.

Avia Veira lembra tamén a moción de outubro de 2021 que solicitaba que EMVSA funcionase como avalista e como asesora para as persoas que queren alugar piso de cara a evitar posíbeis abusos ou facilitar o aluguer as persoas que procuran piso.

Desde a fronte nacionalista sinalan que cada vez é máis complicado alugar na cidade: “a xente non ten capacidade para afrontar algunhas das exixencias das persoas que alugan as vivendas, como os seguros de impago ou máis mensualidades das que recolle a lei. Moitas veces a xente non coñece os seus dereitos ou os seus deberes como persoa que aluga ou vive alugada e prodúcense abusos. Nese contexto, o labor de EMVSA pode ser imprescindíbel”.

“Somos conscientes de que a escaseza de vivenda pública é debida á ausencia de políticas dignas de tal nome por parte do Estado e da Xunta –o Estado está á cola de Europa e Galiza á cola do Estado-, mais o Concello ten un papel a xogar e, baixo o noso punto de vista, non o está a facer suficientemente. Nun problema de acceso a un dereito fundamental como o da vivenda, non serve botar balóns fóra”, conclúe a concelleira.

Para o BNG, o Goberno de Inés Rey non está a demostrar o seu peso nin a súa capacidade de exixencia ao Goberno do Estado, tampouco nesta materia. Para exemplo, o da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, que sacou a poxa catro vivendas no barrio de Monelos no canto de llas ceder ao Concello ou o da SAREB: dunha banda, a sociedade sinala que non posúe propiedades na cidade e logo o Concello comproba que isto non é certo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.