Cimafunk, o ‘James Brown cubano’ e sensación da música internacional, actúa este venres no ciclo Xacobeo Vigo

Cunha mestura de soul e funk, converteuse nunha das grandes revelacións da música internacional, e vén de pasar por grandes festivais como Roskilde ou Glastonbury

Ciclo Xacobeo Vigo continuará este venres 26 de agosto na terraza do Auditorio Mar de Vigo. Nesta ocasión será a quenda de Cimafunk, o artista que está a ser a última gran sensación da música cubana actual.
Adorado polo público e aclamado pola crítica, que o bautizou como o ‘James Brown

cubano’ polo seu look e o seu xeito singular de cantar e de bailar, a exitosa proposta de Cimafunk é unha atrevida mestura entre soul, funk e rap. De feito, o artista toma o seu nome dunha combinación entre a palabra cimarrón, nome co que se coñecían aos escravos negros que se rebelaron contra o seu cautiverio, e o funk, esencia do seu electrizante espectáculo en directo.

Esta batidora singular de ritmos está obtendo un enorme éxito na crítica internacional, e consagrando como artista a Erick Iglesias, nome orixinal de Cimafunk. O seu último traballo ‘El Alimento’, que presentará este venres na terraza do Mar de Vigo, foi elixido pola revista Rolling Stone como un dos 50 mellores discos do ano pasado. O álbum contén temas máis calmados como a fermosa canción ‘Salvaje’, que gravou co histórico músico cubano Chucho Valdés.

Cimafunk está a ser un dos músicos más solicitados neste 2022 nos festivais máis prestixiosos do mundo, sobre todo en Europa e nos Estados Unidos, onde ten programada unha longa xira. A pasada fin de semana, o artista cubano actuou en Nova Iork, onde foi aclamado polo mesmísimo Paul McCartney, que asistiu como espectador ao seu concerto, como se pode comprobar nun vídeo que o artista compartiu nas redes sociais. Outro grande como Fito Páez, declarouse tamén seguidor de Cimafunk, ó que bautizou como o ‘Deus de ébano negro’.

Outros grandes festivais como Roskilde en Dinamarca ou o mítico Glastonbury, no Reino Unido, tamén tiveron a Cimafunk no seu cartel este verán, ademais de algúns dos máis prestixiosos certames nacionais como o Cruïlla de Barcelona, La Mar de Músicas de Cartagena ou Noches del Botánico en Madrid. Festival tras festival, o vendaval de música de Cimafunk deixa tras de se unha hemeroteca cargada de recintos cheos e grandes críticas dos seus concertos.

A súa actuación este venres 26 ás 21.00 horas dentro do Ciclo Xacobeo Vigo na terraza do Auditorio Mar de Vigoserá a única parada en Galicia deste artista que está acadando unha extraordinaria repercusión.

Será a penúltima actuación do ciclo polo que pasaron grandes artistas internacionais como Fat Freddy’s Drop, Steve Vai, Yann Tiersen ou Texas. Despois da actuación de Cimafunk este venres, a última será a da espectacular banda de percusión Mayumaná, que o 18 de setembro presentará no auditorio o seu último espectáculo ‘Currents’.

As datas dos espectáculos e prezos pode consultarse na web do Auditorio Mar de Vigo e na billetera www.teuticket.com.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.