Completada a renovación integral da praza da Sagrada Familia

Ademais executáronse traballos para o borrado de graffitis na praza e as rúas próximas

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade, culminou esta semana as obras de mellora na praza da Sagrada Familia, unha intervención que comezou a mediados de xuño e que se executou en 1.106 metros cadrados de superficie.

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Medio Ambiente e Sostibilidade, percorriu a praza e a súa contorna tras o remate dos traballos, que implicaron, en primeira instancia, a revisión do firme da praza, a área biosaludable de exercicios, os camiños de acceso e zona de estacionamento de bicicletas, coa idea de darlle unha uniformidade total. Neste sentido, dispúxose unha nova capa texturada para reforzar a seguridade das persoas usuarias, evitando os esvaróns. Ademais, acondicionáronse os accesos principais á praza, para facela máis accesible ás persoas con discapacidade.

En paralelo, creáronse novos camiños para conectar as rúas contiguas á praza a través das zonas axardinadas, camiños que están delimitados por bordos que permiten a convivencia do tránsito peonil e os xardíns.

Ademais, Medio Ambiente executou tamén unha podadura ordeada nas ramaxes das árbores existentes na praza, co obxectivo de gañar en luz e claridade, así como para facilitar o paso das veciñas e veciños pola praza. Por último, tamén se levou a cabo unha revisión do sistema de rego.

Segunda quenda de limpeza de graffitis no barrio da Sagrada Familia

No contexto das obras de mellora neste enclave do barrio, a Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade executou tamén traballos de limpeza dos graffitis localizados na propia praza da Sagrada Familia e a súa contorna. Trátase da segunda intervención para o borrado de graffitis levada a cabo no barrio desde a posta en marcha do plan especial de reforzo da limpeza que percorre todos os barrios da cidade.

Por outra banda, Medio Ambiente tamén acometeu melloras nos contenedores soterrados próximos á praza da Sagrada Familia.

A renovación do parque infantil de San Xaime

Esta nova intervención no barrio da Sagrada Familia súmase á xa rematada no parque infantil de San Xaime, onde, a través do servizo de Infraestruturas, renovouse a comezos de maio a zona de xogos para duplicar a superficie do parque ata os 124 metros cadrados, engadindo ademais novos elementos para múltiples xogos.

Neste sentido, a área de xogos renovouse totalmente, con novas estruturas multixogo, un illote-rocódromo e outras estruturas orientadas a rapazas e rapaces de ata 14 anos. Ademais, no contexto dos traballos de mellora acometeuse tamén a substitución do actual pavimento de caucho por un totalmente novo, que engadeu cor e debuxos ao conxunto do parque.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.