Concello e Deputación de Lugo renderán homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo no día da Galiza Mártir

Rubén Arroxo anunciou que o concello e a deputación celebrarán un acto o 17 de agosto no Vello Cárcere

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo e a área de Memoria Histórica da Deputación de Lugo realizarán unha homenaxe institucional a todas as persoas represaliadas polo franquismo coincidindo coa celebración do Día da Galiza Mártir o vindeiro 17 de agosto. O acto terá lugar a partir das 11:30 no patio do Vello Cárcere. Rubén Arroxo afirmou que «buscamos manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais».

«Tivo que ser no exilio, en Bos Aires, onde a Irmandade Galega instaurou o 17 de agosto como día da Galiza Mártir, coincidindo coa data do fusilamento de Alexandre Bóveda no monte de Caeira», declarou o deputado provincial de Memoria Histórica, Efrén Castro, que engadiu «as institucións públicas debemos honrar a todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego».

Con esta acción desde o Concello e a Deputación de Lugo preténdese dar un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, quen foi vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do pobo galego.

O Concello de Lugo acordou institucionalizar a celebración do Día da Galiza Mártir en febreiro do ano 2020, e desde a área de Cultura realizouse a primeira homenaxe o 17 de agosto nese ano.

A área de Memoria Histórica da Deputación de Lugo, creada de forma específica en 2019, comezou a realizar actividades institucionais polo día da Galiza Mártir no 2020, cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, en Sarria, a carón da placa que lembra ás vitimas do franquismo na comarca. Nese mesmo ano, retiráronse dos corredores do Pazo de San Marcos os cadros dos presidentes da Deputación de Lugo durante a ditadura.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.