Crear futuro. Por @DulceCorcu

O deporte, o fútbol neste caso, sempre comeza pola base, por eses inicios na tenra infancia onde o traballo consiste en interesar e divertir aos nenos e nenas. Ensinar con moitas doses de paciencia e imaxinación para que a constancia sexa algo duradeiro e un día ser a materia prima da que se nutra calquera club. Ese é o labor que Jose Barca, recén renovado no cargo que viña ocupando de Coordinador na S.D. Sofán, desempeña ao longo de moitos meses: o de crear futuro, podería dicirse.

De personalidade cálida e acolledora, pero esixente e profesional nun traballo ao que se entrega con vontade e vocación. Repartirá tarefas, ao igual que o ano pasado, como adestrador do equipo xuvenil a quen, xunto con Diego Viaño no banco, fixo campión de Liga nunha final que aínda se lembra no Carral. Non sabemos o que está por vir, pero se algo hai seguro é que Barca pelexará, tal coma fai sempre, por transmitir o mesmo que el foi deixando tras de si polos campos que transitou na súa etapa deportiva, compañeirismo, respecto e desfrutar do xogo, algo que atinxe a moito máis que o resultado final. No corazón de Barca nace esa semente que, despois, fructificará neses sábados e domingos onde o fútbol e o futuro van da man.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.