Incendios en Galicia, reto político a resolver

“Anticiparse ao problema antes que este se produza, esa é a liña estratéxica esencial” aseguran dende o Partido Galego nun comunicado

A vaga de lumes que asolou Galicia no último mes, ven a demostrar unha vez máis que non se toman as medidas adecuadas dende hai máis de 35 anos no que leva sendo un problema grave, estrutural e de País.

O abandono e despoboamento do rural, das aldeas, das parcelas agrarias e forestais e o resultado de 30 anos de políticas nefastas en Galicia, neste caso do PP, case permanentes gobernantes da Xunta, dan como resultado o aumento da biomasa dun xeito brutal nos últimos anos. Iso, sumado aos intereses na queima do monte, fan un cóctel realmente explosivo.

As tarefas de limpeza de cunetas e nalgún caso mesmo de camiños que son case “comestos” polo rápido crecemento de todo tipo de maleza nas primaveras, non son suficientes para evitar os incendios; nin as insuficientes medidas coercitivas para que cada quen coide das súas parcelas, sobre todo aquelas que poñen en perigo o entorno de vivendas; nin os planeamentos urbanísticos sen elaborar nalgúns concellos e sen usar noutros causando un descontrol urbanístico con edificacións de vivendas no medio dos montes como ten acontecido nos últimos 40 anos; estes e moitos outros factores favorecen a propagación do lume. Incluso o PP non cambia o método de traballo na Xunta, o que favorece o chamado“negocio” do lume, no canto de que o auténtico esforzo se faga na prevención.

Malia esta situación, os incendios teñen unha solución co enfoque axeitado chamado anticipación ao problema, que se podería artellar a través das seguintes propostas:

1.1 Propostas lexislativas

  • Apostar por un novo sistema forestal, baseado na economía circular, con frondosas rendibles, favorecendo a diversidade de aproveitamentos e a sustentabilidade do monte, etc.
  • Facer cumprir todas as normativas xa existentes relacionadas cos tipos de plantacións, as distancias, etc.
  • Prohibir recalificar os terreos afectados por incendios.
  • Atender aos planeamentos dos 19 sectores definidos en Galicia e incentivar a creación das Unidades de Xestión Forestal (UXFOR).
  • Simplificar os trámites burocráticos para a limpeza dos montes na contorna das poboacións.
  • Apoiar economicamente ás empresas e particulares que teñan vinculación co monte sustentable.
  • Promover leis con penas moi severas contras as persoas que delincan causando lume.
  • Completar concentracións en toda Galicia.
  • Implementar medidas a medio e longo prazo que vaian na dirección da solución en consonancia coas normas da UE tendo en conta a Axenda europea 2030 e que faciliten o acceso as axudas que actualmente xa penalizan a mala planificación de xestión.
  • Promover un censo das plantacións de eucaliptos, traballando nun programa de redución e regulación a cambio de proxectos viables e sustentables economicamente. As medidas de cambio deben ser prioritarias nos terreos que cheguen a terceira corta de eucalipto ou no límite de 50 anos.
  • Compensar fiscalmente ás persoas propietarias de plantacións autóctonas polo beneficio social, ecolóxico e de incremento da porcentaxe que achegan á contabilidade que os concellos deben medir na descarbonización para acceder aos diferentes plans subvencionables da UE dentro da Axenda 2030.
  • Promover normativas reguladoras para control e erradicación das pirófitas de terras de labranza, cursos fluviais, zonas de especial sensibilidade paisaxística ou risco de incendios, etc…

1.2 Propostas sociais

  • Promover plans educativos nas corporacións, nos centros do rural e no ensino regrado en xeral coa implantación das “bosque escolas” en tódolos colexios públicos de Galicia, asignando hectáreas a cada centro.
  • Desenvolver programas de prevención dende os concellos que abrangan o ano completo (ex. brigadas permanentes, voluntariado subvencionado, etc)
  • Crear batallóns de vixías contra o lume integrados pola sociedade civil, incentivados con medidas como descontos en transporte, descontos nas matrículas, descontos en estancias, etc.
  • Facer campañas informativas sobre o banco de terras BanTeGal, e convertilo nunha ferramenta de axuda a quen non poida coidar as súas terras.
  • Dar a coñecer o Plan estratéxico da Xunta a 20 anos vista que propón a creación de 16.000 has. de castaños de froito e outras leis que van no mesmo sentido.
  • Informar de especies frondosas rendibles e tamén das empresas adheridas que merquen o produto (castaña, oliva, viñedo, améndoas, ovos, froitos vermellos, etc)

1.3 Propostas económicas

  • Manter un cinto de seguridade protector con especies autóctonas arredor dos núcleos de poboación.
  • Poñer o acento nas medidas de prevención para o vindeiro ano e seguintes. Os incendios non poden ser un negocio nas tarefas de extinción, máis ben o “negocio” ten que ser a prevención (contratacións, cursos de formación, dotación de maquinaria e traballos de mantemento, axencias de asesoramento e seguimento, escolas agrarias, etc).
  • Elaborar o PXOM en todos os concellos nos que está pendente.
  • Deseñar plans específicos encamiñados a aumentar a rendibilidade dos montes, buscando alternativas ao monocultivo do pino e eucalipto.
  • Elaborar un plan galego de centrais eléctricas con biomasa.
  • Elaborar un plan galego de procesado de restos forestais (estilo planta biomasa de Curtis Teixeiro).
  • Apostar porque os servizos de extinción sexan públicos, profesionais e asentados no medio rural.
  • Tentar a reactivación da vida rural mediante vantaxes fiscais, servizos públicos, exención de impostos, inversións sostidas, campañas divulgativas, etc.
  • Fomentar o desenvolvemento de granxas, viñedos, proxectos vinculados ao turismo rural, afectacións de reservas e espazos protexidos, turismo do bosque autóctono, augas termais, conservación da biodiversidade, sostenibilidade e defensa da auga, ciclo completo de produción de resina, ciclo completo da castaña e produtos derivados, etc.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.