Medio Rural da Deputación financiará 72 visitas e actividades divulgativas a través do programa “Da Escola á Granxa”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a concesión de axudas para a organización de actividades no marco do programa “Da Escola á Granxa” de área de Medio Rural.

As achegas, dirixidas a asociacións de nais e pais,  teñen como obxectivo poñer en valor os produtos de proximidade e o sector primario para as xeracións máis novas, financiando visitas a gandeirías, producións agrícolas e pequenas empresas agroalimentarias asentadas no rural, así como outras actividades de divulgación e sensibilización vinculadas ao medio rural.

En total, atendendo ás solicitudes presentadas, a área dirixida por Mónica Freire colaborará no financiamento de 72 actividades, organizadas por máis dunha trintena de anpas distribuídas por toda a provincia.

A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, explicou que “a través destas visitas e actividades, que empezarán a desenvolverse a partir do inicio do curso, nenos e nenas de infantil e primaria, poderán achegarse a gandeirías e producións agrarias e coñecer de primeira man o traballo cos animais e cos cultivos,  participar en obradoiros de elaboración de alimentos ou noutras propostas didácticas ligadas ao coñecemento da contorna e á educación ambiental”

A área de Medio Rural da Deputación investiu un total de 40.000 euros neste programa co que pretende tamén contribuír a consolidar unha oferta de recursos e servizos educativos arredor do sector primario e visibilizar referentes no rural. A resoluciòn, coa listaxe de entidades beneficiarias, publicarase a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.