Noelia Otero alerta dos “recortes inxustificados” de docentes na educación pública galega

Directivos de distintos institutos galegos presentan a súa dimisión como medida de protesta pola redución de docentes decidida dende a Consellería de Educación

A parlamentaria socialista Noelia Otero Lago vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta que reverta os recortes de docentes que están sufrindo institutos de toda Galicia. Esta decisión “absolutamente inxustificable”, lembra a socialista, “afecta directamente, tal e como denuncian as distintas comunidades educativas, ao reparto digno do traballo, as gardas, a educación inclusiva e a calidade de ensinanza pública”.

A Xunta de Galicia con estes recortes de profesorado avoca a unha situación límite aos centros educativos galegos, que os incapacita de ofertar materias optativas, garantir clases de reforzo ou impartir actividades complementarias en bibliotecas ou extraescolares. O Grupo Socialista amosa todo o seu apoio ás denuncias de reivindicación dos distintos equipos directivos de institutos arredor de toda a comunidade onde presentaron a súa dimisión en bloque como medida de protesta ante estes “inadmisibles recortes”.

Otero Lago insta á Consellería a atender as demandas dos IES e axustar os cadros de persoal docente ás necesidades contempladas nas peticións trasladadas para o curso 2022/2023 polos equipos directivos. E alerta, outro ano máis, esta “política nefasta de recortes de investimento en recursos humanos e económicos no eido do ensino que deixan aos centros e ás e aos seus profesionais nunha situación de absoluta precariedade”.

Arredor disto, a voceira de educación do PSdeG lembra ca redución de alumnado nas aulas permite “unha mellor atención individualizada e uns resultados positivos en canto ao rendemento escolar”, sinala Otero, ademais de facilitar a detección máis precoz de necesidades especiais ou mellorar o rendemento interno para acadar os obxectivos programados, a relación coas familias ou ter máis tempo para as tarefas burocráticas.

Na iniciativa recóllense exemplos dramáticos coma o do IES Punta Candieira e o de IES A Sangriña, que, como lembra Otero, nos últimos anos acumulan un recorte de 11 docentes no primeiro caso e 13 no segundo. Este “desmantelamento da educación pública” afecta a un gran número de institutos da comunidade e causa unha gran preocupación entre as familias do alumnado.

A deputada conclue con que son “recortes absolutamente inxustificables”, a pesar disto, a política de recortes do PP en Educación son continuas, e a Consellería “camiña polo tanto na dirección contraria á consecución dunha redución progresiva de rateos e dunha educación pública de calidade” lembra ademais que estamos nun momento idóneo para que a administración inicie o diálogo e estudo das posibilidades sobre unha das reivindicacións máis relevantes da comunidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *