O BNG presenta unha batería de preguntas sobre a prevención da ludopatía na Coruña

A concelleira nacionalista Avia Veira rexistrou unha iniciativa para comprobar se o Goberno Local está a cumprir coa moción aprobada por unanimidade no pleno de outubro de 2019

O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unhas preguntas escritas para coñecer o grado de cumprimento da moción aprobada por unanimidade na sesión plenaria de outubro de 2019.

Avia Veira lembra que aquela moción recollía medidas a nivel estatal, galego e municipal: algunhas son hoxe unha realidade, outras cumpríronse mais cómpre afondar en medidas que vaian por esa liña e outras están aínda por cumprir.

O BNG quere coñecer se o Goberno local mantivo conversas co Goberno do Estado e coa Xunta de Galiza, con esta última nomeadamente no que tan a ver co anteproxecto da Lei do xogo de Galiza que segue sen levarse ao Parlamento Galego.

No que ten a ver co eido municipal, a concelleira nacionalista inquire ao Goberno sobre se se estudaron vías de colaboración entre a Policía Local e a Policía Nacional para o control de entrada nos estabelecementos de apostas e xogo, se se tomaron medidas para prohibir a publicidade de apostas e xogo en instalacións e soportes dependentes do Concello da Coruña e se aumentou o número de charlas nos centros de ensino para a prevención de ludopatías e outras adiccións sen substancia.

«Por que non iniciou o Goberno Local ningunha campaña de impacto masivo sobre o efecto que o xogo e a ludopatía ten sobre a vida das persoas e a súa contorna?», preguntan desde a formación nacionalista na súa iniciativa.

Por último, desde o Bloque pregúntanlle ao Goberno de Inés Rey se ten pensado aumentar a contía do convenio con Agalure dado que leva dous anos conxelado, tendo en conta ademais que nese tempo si aumentaron outros convenios con entidades que tratan outros tipos de adiccións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.