O BNG rende tributo no Campo da Rata aos oito obreiros da fábrica de Brens fusilados en 1936

Un sinxelo e emotivo tributo –unha ofrenda floral diante do monumento da memoria deseñado por Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata- foi o que renderon esta mañá militantes do BNG de Cee e Corcubión aos 8 obreiros da fábrica de Brens, sindicalistas da naquela altura chamada Fábrica Hidroeléctrica do Pindo- fusilados o 18 de decembro de 1936 por teren organizado unha folga contra o golpe de estado fascista. Na homenaxe participou o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.

Norberto Recamán, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto, Perfecto Trasmonte, Jesús Chouza, Florentino Canosa, Manuel García e Domingo López foron executados, no Polvorín de Durmideiras, polos fascistas polo seu compromiso republicano e demócrata e pola súa entrega tamén á causa da mellora das condicións de vida das clases traballadoras.

“Queremos tamén estender este tributo a Mercedes Romero Abella, mestre republicana asasinada en novembro de 1936, a quen este ano o BNG de Cee dedicou o Día da Galiza Mártir”, dixo Serxio Domínguez, portavoz do Bloque nese concello da Costa da Morte.

“Hai un dito que di que un pobo que esquece a súa memoria está condenado a repetila. Por iso os actos de reivindicación da memoria histórica son necesarios, para que se restitúa a dignidade das vítimas da represión fascistas e para que a famosa frase de ‘o fascismo non pasará’ continúe a ter vixencia en momentos en que o fascismo volve emerxer baixo outras formas”, acrecentou Francisco Jorquera nun acto no que tomaron parte Andrés Castro (BNG de Cee) e os militantes do BNG de Corcubión Álex López e Rafael Mouzo Lago, este último alcalde da vila durante o período 1997-2003.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.