O Grupo Socialista tilda de “baile de cadeiras” os cambios no Sergas

A viceportavoz Begoña Rodríguez Rumbo sinala que a Xunta limítase a crear unha cortina de fume para aparentar que traballa en agosto e que fai algo contra o colapso

A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Begoña Rodríguez Rumbo, falou hoxe dos cambios na xerencia do Sergas, que tildou de “baile de cadeiras”, e advertiu que non vai supoñer mellora algunha na asistencia sanitaria galega. Cualificou o intercambio de postos como unha “cortina de fume” por parte da Xunta, que só busca amosar que traballan en agosto e que están facendo algo fronte ao colapso.

Rodríguez Rumbo referiuse este venres ao triplo cambio nos postos de responsabilidade do Servizo Galego de Saúde, a ese intercambio de cargos entre xerente do Sergas, o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e a directora xeral de Planificación. Fronte á renovación de postos de dirección da que fala do goberno galego, a viceportavoz socialista asegurou que a única finalidade deste movemento é “asegurarlles o seu carguiño” a cada un dos cesados.

Insistiu a deputada do PSdeG en que o nomeamento de Estrella López-Pardo como nova xerente do Sergas non vai traducirse en melloría algunha na situación de colapso da atención primaria, pois insistiu en que as esperas de dous ou tres semanas que están a ter os pacientes para poder ver ao seu médico de cabeceira van a manterse.

Do mesmo xeito, puxo de manifesto que o “baile de cadeiras” no organismo que xestiona a sanidade galega non vai traducirse en novas contratacións de profesionais, nin na estabilización laboral dos que hai. “Cantos pediatras, anestesistas ou xinecólogos se van a contratar con estes cambios?”, preguntouse Begoña Rodríguez, antes de responder ela mesma que “ningún, absolutamente ningún”  ou, como moito, os mesmos que antes.

En palabras da vicevoceira socialista, a única motivación que se pode albiscar neste “cambio de cromos” da Xunta e no Sergas é o de xerar unha “cortina de fume” para trasladarlle á cidadanía a impresión de que o goberno de Alfonso Rueda está a traballar no mes de agosto, de que están tomando decisión fronte ao colapso sanitario. Pero a realidade, sinalou, é que os cambios son meramente “cosméticos” e non teñen incidencia algunha na calidade asistencial.

A representante do PSdeG emprazou ao goberno galego a “tomarse a sanidade en serio” e a atender ás necesidades da cidadanía. E volveu a recordar as demandas feitas polo secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, que consisten en dotar de máis recursos á atención primaria, cunha inxección de 140 millóns euros para poder contratar 1.000 profesionais sanitarios galegos, e acadar así o nivel que había no 2009, cando o PP chegou á Xunta.

Tamén demandado da Consellería de Sanidade que cambie xa o seu modelo de contratación para todas as escalas dos profesionais sanitarios, co fin de acabar cos contratos por días e por semanas que aínda existen, poñerlle fin á precariedade e avanzar cara a estabilidade laboral que están a solicitar os profesionais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.