O PP de Pol insta ao goberno local a acondicionar e dotar de seguridade a ponte de Eiras

O Partido Popular insta ao goberno local de Pol a acondicionar e dotar de seguridade na ponte de Eiras, na parroquia de Silva, para “evitar riscos para os seus usuarios. Hai moitos anos que está construída e, polo tanto, foise desgastando co paso do tempo”.

A presidenta da xestora da agrupación local, Nicole Grueira, explica que “esta infraestrutura que se atopa na estrada que comunica o Porto de Eiras con Mosteiro se atopa en mal estado”. Por unha banda, “o estado do pavimento é deficiente” e, por outra, “non dispón de ningún mecanismo que garanta a seguridade viaria”.

Os populares do municipio instan, polo tanto, ao goberno local a “iniciar de forma inmediata o proceso de cara á súa mellora” tendo en conta que constitúe “un risco para a seguridade dos veciños e veciñas que transitan polo lugar” ao non dispoñer de varandas ou outros elementos de protección.

O PP local condena “o pasotismo” do goberno local ante este tipo de deficiencias en infraestruturas da súa competencia – como é o caso desta estrada municipal-; xa que, de non actuar, pode supoñer un “risco para os veciños e veciñas”.

Revisión das pontes e estradas

Os populares xa reclamaran a mellora da rede viaria municipal que presenta moi mal estado, con numerosos baches que dificultan a circulación. Agora, ademais, propoñen a revisión de tódalas pontes e marxes das pistas para detectar posibles riscos para a seguridade viaria e, posteriormente, actuar para corrixir esas deficiencias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.