O PSdeG esixe a Rueda que aclare se vai a aplicar o decreto de aforro enerxético “ou primeiro lle vai a pedir permiso a Ayuso”

A viceportavoz Begoña Rodríguez Rumbo pide á Xunta “que deixe de enredar” e aporte solucións ante a crise enerxética

A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Begoña Rodríguez Rumbo, esixiu hoxe a Rueda que confirme se vai a aplicar o decreto de aforro enerxético ou antes ten que pedir permiso á “nova lideresa” do PP, Isabel Díaz Ayuso. Ante a falta de claridade da Xunta sobre o asunto, pediulle que “deixe de enredar” e que volvan xa das vacacións para aportar solucións ante a crise enerxética.

Nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega, a deputada socialista interpelou ao executivo da Xunta para pedirlle explicacións sobre as súas medidas de aforro enerxético. Ao tempo, demandou a comparecencia inmediata de Rueda, a quen lle solicitou “que deixe de estar de vacacións”.

Rodríguez Rumbo instou á Xunta a que aclare se vai a aplicar o Real Decreto aprobado polo goberno do Estado ou, polo contrario, se vai a recorrelo ante o Tribunal Constitucional como vai facer no caso de Madrid a “nova lideresa” do Partido Popular, Isabel Díaz Ayuso. Do mesmo xeito, pediu que expliquen se van a aplicar algún tipo de medidas, porque a  cidadanía precisa de respostas e de concienciación ante esta emerxencia.

A deputada tamén lamentou que a única mención a este problema do vicepresidente económico, Francisco Conde, foi unha conferencia sectorial de enerxía, antes de criticala cando se celebrou. Pola contra, o propio presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, sóubolle a pouco e pediu directamente unha conferencia de presidentes autonómicos.

Do mesmo xeito, Rodríguez Rumbo espera que o PP non repita o método da actuación de Feijóo durante a pandemia, onde saía a criticar as medidas do goberno central contra a Covid, para logo descubrir co Informe do Consello de Contas que non estaba executando os cartos que lle transfería o Estado. Así que insistiu en esixir: “que deixen de enredar”.

Informe do CES

A viceportavoz do grupo socialista tamén valorou o contido da memoria anual do 2021 que o Consello Económico e Social (CES) de Galicia lle acaba de remitir ao Parlamento, na que se constata, dixo, que a perda de poboación e o avellentamento “é un dos problemas máis graves que padece Galicia”, e que a Xunta non está a afrontar como debería, pois na última década a comunidade perdeu 100.000 habitantes.

Remarcou as iniciativas presentadas polo grupo parlamentario do PSdeG na liña marcada polo documento do CES. As mesmas poñen o foco en solucionar as causas do despoboamento do rural, que pasan por corrixir a falta de oportunidades laborais, ampliar a dotación de servizos públicos esenciais, como a sanidade e a educación,  ou en reducir a fenda dixital que existen entre os espazos urbanos e o medio rural.

A vicevoceira socialista fixo especial fincapé na falta de cobertura e de conexión a unha internet de banda ancha no rural. Isto impide a chegada de xente nova que podería establecerse, acceder a novos servizos dixitais e mesmo teletraballar, do mesmo xeito que representa dificultades para as persoas de máis idade, con competencias dixitais máis limitadas, poidan descargar aplicacións nos ordenadores ou nos teléfonos intelixentes.

Puxo o exemplo da páxina do Servizo Galego de Saúde para solicitar unha cita telemática o decargar o certificación de vacinación da covid, un trámite que foi indispensable durante boa parte da pandemia.

No tocante aos servizos públicos, Rodríguez Rumbo chamou a “reverter o desmantelamento e a precarización” que están sufrindo desde a chegada do PP ao goberno da Xunta. Asegurou que o informe de CES ratifica en toda a súa dimensión o colapso da atención primaria, coa falta de profesionais médicos e coas longa listas de espera. No caso da educación, ocorre algo parecido, pois a redución de profesores e o peche de escolas unitarias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.